Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG considera que a alcaldía de Lourenzá trata de agochar as súas vergoñas na xestión do proxecto do Pazo de Tovar

Lourenzá, 23 de xullo de 2014.- O BNG de Lourenzá non pode máis que mostrar o seu estupor ante os intentos da alcaldesa Émma Álvarez Chao de desviar a atención para a Xunta ante a problemática xurdida pola subvención concedida polo AGADER para a execución das obras do Pazo de Tovar. Ao entender dos nacionalistas laurentinos resulta dun ridículo supremo que a señora alcaldesa trate agora de mostrarse como solución a un problema que ela mesma creou debido á súa deixadez de funcións e do que ela é a única responsabel como alcaldesa-presidente da corporación municipal e da Xunta de Goberno de Lourenzá. Dende o BNG laurentino suliñan ademáis que a alcaldesa Émma Álvarez Chao foi nomeada e ratificada como interlocutora única por parte do concello para a xestión de trámites e firma de contratos e outros documentos precisos para a execución do proxecto pola xunta de goberno local xa no mes de abril de 2013, co cal carece do máis mínimo sentido tratar de eludir ditas responsabilidades.

As explicacións do concello, unha bulra para os nacionalístas laurentinos
O concelleiro portavoz do BNG local, César Docampo califica as alegacións da alcaldesa Émma Álvarez como un insulto á intelixencia humana e un desprezo claro á intelixencia dos veciños de Lourenzá, pois sendo a máxima responsabel do proxecto grazas á súa pasividade conseguiu que incluso a administración “amiga” lle virase as costas, perxudicando deste xeito a tódolos veciños do concello, pois compre ter en conta que non só non estaba sen rematar, senón que o prazo para a realización dos traballos xa fora ampliado con anterioridade.

Ao entender dos nacionalistas laurentinos é preciso lembrar tamén, que cos trámites xudiciais iniciados polo concello non só está en xogo a axuda retirada de 98.000 €, senón que tamén se ten que contar cuns costes derivados dun proceso xurídico do cal se descoñecen as posibilidades de éxito unha vez a Xunta xa desestimou as duas alegacións presentadas polo concello. Segundo o grupo local do BNG resulta de todo inxusto que ademáis da perda da subvención por culpa da ineptitude da señora alcaldesa esta pleitee contra a Xunta con fondos municipais para agochar as súas meteduras de pata en gran medida provocadas máis pola loita de egos que pola propia actividade política, ao tempo que lle recomenda como “responsabel ou irresponsabel” deste concello comece dunha vez a asumir as súas funcións.

Exit mobile version