Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG convoca unha concentración de repulsa á violencia machista tras un presunto asasinato en Pazos de Borbén

A Mariña, 30 de xullo de 2014. Diante dun presunto novo crime por violencia machista acontecido este martes en Pazos de Borbén, o BNG na Mariña fai un chamamento a amosar a máis enérxica repulsa e condena a estes feitos, como xa ten amosado a sociedade mariñá noutras ocasións.

A formación nacionalista convoca unha concentración para este xoves, ás 21.30 horas, diante do concello de Foz, para “amosar a solidariedade e apoio a familiares e amizades da vítima e a tolerancia cero con este tipo de actitudes que xa segaron cinco vidas no noso país no que vai de ano, tres delas na nosa comarca”

Para o BNG a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade de todos os gobernos e chaman á sociedade a demandar que esta cuestión sexa central nas axendas, sen agardar a que se produzan desenlaces de mortes de mulleres a mans das parellas ou exparellas.

A responsable comarcal, Ana Ermida, sinalou que “a nosa comarca xa viviu en dúas ocasións neste ano a lacra dos asasinatos machistas, supoñendo a morte de tres mulleres, a última delas no concello de Foz. Por iso pensamos que a sociedade da Mariña, que xa se amosou concienciada para denunciar e facerlle fronte á violencia machista, debe respostar inequivocamente cando se producen mortes como última consecuencia da violencia machista e demandar unha sociedade en igualdade na que se promova a coeducación e desaparezan as discriminacións da vida pública, loitando por unha sociedade libre e igualitaria entre mulleres e homes.”

Exit mobile version