Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Alfoz – Valadouro critica que “o PP utiliza a cuestión da extinción de incendios para intoxicar a opinión pública e facer pseudopolítica”

Ante as acusacións que o PP está a verter sobre determinadas cuestións vinculadas ás brigadas de extinción de incendios no Valadouro, dende o BNG queremos puntualizar o seguinte:

O BNG non forma parte do goberno local do Valadouro, a súa función, por propia vontade, é a de fiscalización da xestión municipal, como calquera grupo da oposición, polo tanto, quen fala de tripartito só pretende confundir e enganar á veciñanza.

Dende o goberno local cometeuse un erro (que presumimos involuntario) cando se demandaron os servizos contraincendios para este verán á Consellaría de Medio Rural, esta xestión non se fixo através de correo certificado senón ordinario, polo cal, dende a Xunta, teñen doado alegar que non recibiron a petición, malia todo, na demanda municipal figuraba tanto unha carroceta como varios peóns de brigada, a carroceta foi concedida pero os peóns non, polo que é fácil decatarse de que na Consellaría recibiron a petición, mais escúsanse en que non chegou por correo certificado para non conceder o servizo completo e así poder difundir unha mala imaxe dos concellos que non controla o PP.

É grave e sumamente irresponsábel que o PP, dende a Xunta, xogue cos servizos contraincendios para facer política partidista, sobre todo se temos en conta as perdas e desgrazas causadas polo lume nos últimos veráns en Galiza, e particularmente, a importancia do sector forestal nun concello coma O Valadouro, onde o monte representa unha das principais fontes de economía e emprego.

“Debemos sinalar que o val bañado polo río Ouro constitúe na actualidade unha macroplantación intensiva, e no caso de producirse un eventual lume de dimensións considerábeis, as consecuencias poderían ser catastróficas, polo que dende o BNG demandamos que cada parte en conflito se faga responsábel da súa parte de culpa, e se arranxe decontado esta anómala e perigosa situación”, afirma Eduardo Chao, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Valadouro.

Exit mobile version