Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz celebra o Día da Patria este sábado 19 cos Festa do Chicharro Lañado

Foz a 14 de xullo de 2014.- Este sábado, 19 de xullo, o Bloque Nacionalista Galego vai celebrar en Foz a XXI edición da súa tradicional chicharrada, dentro do conxunto de actos que os nacionalistas realizan na comarca da Mariña durante este mes para celebrar o Día da Patria Galega, que é o 25 de xullo e que este ano se centra en esixir máis soberanía para Galiza.

Ao igual que noutras ocasións a romaría celebrarase na explanada do Porto, xunto á lonxa, e dará comezo a partir das sete da tarde, contando neste acto coa participación do grupo de baile tradicional de “O Feitizo” e de grupos de gaiteiros que animaran desde primeiras horas a festa.

Como xa ven sendo habitual desde hai anos, o prato forte desta xornada festiva – reivindicativa o BNG de Foz vai preparar máis de 1.000 racións de chicharro lañado con cachelos, xunto a liscos e chourizos. A aposta polo chicharro lañado faise por ser un prato característico da nosa dieta alimentaría, e polo seu sabor, así como polas significacións que o chicharro tivo para o conxunto dos focegos e da xente da comarca como principal sostén nos anos da posguerra.

O feito de que esta xornada coincida cun momento de fonda crise económica que está a provocar graves consecuencias no sector primario, nomeadamente no agro e na pesca, dálle unha especial significación por tratarse tamén dunha xornada reivindicativa en apoio destes dous sectores produtivos centrais da nosa economía que so poden saír para diante se Galiza é máis soberana e pode decidir por si mesma e non que lle veña imposto polo Estado ou Europa, como sucedeu este ano cos cotas da xarda e do xurelo que puxeron en pé de guerra a toda a frota do cerco e da que Galiza saíu claramente discriminada deste reparto, no que se primaron criterios que favoreceron e beneficiaron a outros territorios.

Este ano tamén se dotará ao espazo festivo duns xogos infantís, comezando por un gran castelo inchable e por numerosas actividades de animación infantil como globoflexia, pinturas, contacontos, etc. Tamén haberá agasallos para todos os participantes.

O feito de que esta xornada se manteña ao longo destes vinte e un anos evidencia que se trata dunha festa de todos os veciños e veciñas de Foz e así se explica a implicación de todo o pobo, xa non só na xornada festiva senón na preparación da festa gastronómica. Tanto é así que o BNG quere agradecer por adiantado a todas aquelas persoas que colaboran con nós lañando o peixe así como aqueloutros que colaboran asando o chicharro.

Xa por último, o BNG quere convidar a todos os veciños de Foz e da Mariña a acudir a explanada do Porto o vindeiro Sábado, 19 de xullo a partir das 19:00 horas a degustar chicharro lañado e a celebrar con nós esta tradicional romaría do verán focego, preludio do Dia da Patria Galega que se celebra o día 25 de xullo.

Exit mobile version