Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG levará ó Pleno de Barreiros unha moción para declarar o concello libre de circos con animais

Barreiros, 30 de xullo de 2014. O BNG de Barreiros levará ao seguinte pleno municipal unha moción a debate sobre a instalación de circos con animais no termo municipal. Desde o BNG consideran que “este é un debate que existe na sociedade e cada vez hai máis consciencia na xente das condicións ás que se someten os animais neste tipo de espectáculos.”

“Coa chegada do verán, os circos proliferan na nosa comarca e, aínda que levábamos tempo sen que se instalara no noso concello un circo con animais, neste ano xa ten aparecido algún”, explican desde o BNG.

Segundo a portavoz municipal, Ana Ermida, “o trato deste animais, que se ven sometidos a castigos, illamentos e maltrato case permanente para lograr que se comporten dun xeito absolutamente antinatural, non debe ser amparado por ningunha persoa e menos por institucións públicas. Cremos que a utilización dos animais que fan os circos como reclamo para o público infantil debe ser combatido con unha educación na que se fomente o respecto cara aos seres vivos e o seu entorno, así como co fomento de outro tipo de espectáculos circenses que se baseen na creatividade, artes, condición física, ilusionismo, etc.”

Por estes motivos o BNG solicita que Barreiros sexa declarado como concello libre de circos con animais, non permitindo a súa instalación no termo municipal nin a colocación deste tipo de publicidade dentro do concello. “Isto suporía dar un paso adiante, como xa se ten feito en numerosas vilas e cidades que vetaron o uso de animais nos circos, en base ao seu benestar; apostando por outro xeito de promoción de espectáculos que fomenten valores de constancia e traballo e non a utilización de animais dun xeito despreciable como parte do espectáculo, fomentando unha crueldade gratuíta que contribúe ao incremento do tráfico ilegal de animais e á súa caza furtiva”, aseguran desde o BNG.

Exit mobile version