Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pedirá no Pleno a devolución do diñeiro do recibo da auga ás persoas afectadas por problemas no subministro

Barreiros, 21 de xullo de 2014. O BNG vén de rexistrar no concello de Barreiros unha moción para o seu debate no pleno, que terá que celebrarse o vindeiro luns, na que piden ao goberno municipal que asuma as súas responsabilidades no referente ao subministro de auga e que permitan ás veciñas e veciños reclamar o custe dun servizo que non están recibindo.

Para o BNG barreirense “non é de recibo que en pleno século XXI se teña que estar reclamando un ben básico como é a auga e máis nun concello coma Barreiros, onde o Partido Popular incrementou o seu prezo ata practicamente duplicalo.”

“Non se trata só dos cortes na rede de subministro, que cada vez son máis habituais, senón tamén das numerosas ocasións nas que a falla de presión impide o uso da traída municipal ou cando a calidade da auga é tan ínfima que non pode ser consumida ou usada para as labores máis habituais como a hixiene e a cociña”, explica a portavoz municipal, Ana Ermida.

Desde as filas nacionalistas aseguran que “as veciñas e os veciños non poden estar pagando por un servizo que non reciben ou que reciben de xeito deficiente”, por iso instan ao goberno local a solucionar esta cuestión e, de non facelo “pola súa incapacidade ou desinterese, que lle devolvan á xente un diñeiro que están cobrando indebidamente, xa que o que se recauda debería destinarse a manter o servizo e á vista está de que non se está facendo”, afirman os nacionalistas.

En calquera caso, como no que vai de verán xa se teñen sucedido numerosos incidentes neste servizo, desde o BNG piden que os recibos que correspondan con estes meses xa teñan unha diminución proporcional ao tempo de imposibilidade de uso da auga municipal.

Exit mobile version