Site icon Crónica3.com A Mariña

O cantautor Miro Casabella recibe unha homenaxe colectiva no Valadouro, a súa vila natal

O Valadouro, 5 de xullo de 2014. O cantautor Miro Casabella recibíu este sábado una sentida homenaxe no Valadouro, a súa vila natal. Unhas 200 persoas participaron nos distintos actos organizados durante todo o día por distintas asociación culturais da comarca e que contou co apoio da área de Cultura da Deputación de Lugo.

A homenaxe comezou á unha da tarde coa colocación dunha placa na casa natal de Miro Casabella en Ferreira, en plena Praza de Santa María, onde en presenza do homenaxeado o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, dixo que “con esta homenaxe a Miro Casabella estamos pondo en valor a labor de recuperación democrática e de pensamento galeguista e nacionalista ao que contribuíron figuras da canción galega na época do tardo franquismo e a chamada transición”, destacou.

Neste sentido, o vicepresidente da Deputación lembrou “a figura de Miro Casabella de cando formou parte do conxunto de cantautores galegos Voces Ceibes, un grupo de canción protesta que xurdiu nos anos setenta, concretamente nesa etapa coñecida como transición, un proceso, que, corenta anos despois, cando podíamos pensar que non tiña cabida, volveu a repetirse coa imposición dun rei non elexido polo pobo”. Por iso, dixo Antonio Veiga “hoxe son máis necesarias ca nunca voces ceibes que defendan a este país e á súa xente”, sentenciou.

Homenaxe popular con ampla representación do mundo cultural da comarca
Os distintos actos que durante todo o día homenaxearon a Miro Casabella estiveron organizados por varios colectivos culturais da comarca, nomeadamente Amado Lar, Liga Céltica Galaica e O Mundo de Galea, de O Valadouro; Aventados, de San Cibrao; Buril, de Burela; Casa Hamlet, de A Coruña; Francisco Lanza, de Ribadeo, Irmandade San Caetano, de Celeiro de Mariñaos; Mariñapatrimonio, Ollomao, de Barreiros; Os Castros, de Cangas; e Pensamento e Sementeira, de Viveiro; en colaboración coa área de Cultura da Deputación de Lugo e a Concellería de Cultura de O Valadouro.

No acto déronse cita importantes personalidades do mundo da cultura da comarca e de fóra dela, como Caxigueiro, Celso Dourado, Manuel Lourenzo, Ramón Reimunde, Paco Piñeiro, Juanel, Tareixa e Marica Campo, Lois Diéguez ou Adela Figueroa.

Ademais do acto diante da súa casa natal, na que actuou o grupo de música tradicional Amado Lar, a homenaxe a Miro Casabella no Valadouro, incluíu un xantar popular no parque da localidade, no que inverviron varios persoeiros da cultura e das letras, como Vicente Araguas, Lois Diéguez, Manuel Lourenzo, Arturo Mogo ou David Otero. A área de Cultura da Deputación de Lugo agasallou aos participantes co libro-CD ‘Miro Casabella e a nova canción galega’, de Xan Fraga.

O acto continuou pola tarde cun concerto baixo o lema Por ceibar a voz na Praza de Ferreira, no que actuaron artistas da talla de A Quenlla, Arcadio, Bieito Romero, de Luar na Lubre, David Bellas, García e Leo, Quintas Canella, Tino Baz, e Pilocha.

Miro Casabella e a Nova Canción Galega
Tras cursar estudos en Ferreira do Valadouro e Lugo, Miro emigrou a Barcelona en 1964, cidade onde rematou o bacharelato e estudou na Escola de Arquitectos Técnicos. Aínda que o seu interese pola música é temperán (vén de seu avó, que tocaba o violín estando cego) a experiencia catalá meteuno en contacto co movemento da Nova Cançó, que o marcou profundamente. O seu debut musical aconteceu no ano 1967 nesa cidade, acompañando a cantantes da Nova Cançó Catalá. Foi tamén en Cataluña onde gravou os seus primeiros discos, a finais da década dos sesenta: ‘Miro canta as súas cancións’ e ‘Miro canta Cantigas de Escarnho e Mal Dizer’.

O seu contacto co grupo Voces Ceibes tivo lugar a mediados do ano 1968, cando Benedicto e Xerardo Moscoso acudiron á capital catalá co gallo de gravaren os seus primeiros traballos. Miro integrouse no colectivo e mesmo chegou a participar do seu concerto fundacional en Compostela, o 1 de decembro daquel mesmo ano.

No ano 1969 coñeceu en Barcelona a Paco Ibáñez, con quen tivo unha longa amizade e ao que acompañou nos anos vindeiros en xiras polo Estado francés. En París coñeceu tamén ao cantor portugués exiliado Luís Cília con quen, nos seguintes anos, tocou en Galiza e no resto do Estado español.No ano 1970 participou no I Festival da Canción Ibérica, xunto con Paco Ibáñez, Luís Cília, Xavier Ribalta, e José Afonso. Tamén nese mesmo ano tocou en París na Festa da Humanité, a festa do Partido Comunista de Francia, onde actuaron tamén figuras como Georges Moustaki, Paco Ibáñez ou Joan Baez.

A finais do ano 1974 o grupo Voces Ceibes decidiu finalizar o seu proxecto e dar comezo ao Movemento Popular da Canción Galega onde, cunha perspectiva ampla, tiveron cabida múltiples artistas de distintos estilos.

Esta xornada quixo ser un acto de recoñecemento ao cantante Miro Casabella en Ferreira do Valadouro, a vila na que naceu fai 50 anos, estivo precedido por varias actividades encamiñadas a homenaxear a súa figura que se foron desenvolvendo por disintas localidades da comarca da Mariña dende o pasado mes de abril.

Exit mobile version