Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Barreiros continúa a realizar melloras na rede de abastecemento de auga en San Cosme

Barreiros, 26 de xullo de 2014. O Concello continúa mellorando a rede de abastecemento de auga. Estes días procede a colocar novas chaves de paso no casco urbano.

O alcalde, Alfonso Fuente, indica que “esas novas chaves facilitan que en caso de fuga se poida cortar por tramos o subministro e deste xeito tamén se evitan inundacións en baixos de titularidade privada”. O rexedor dixo que “esta fase forma parte da obra que estivemos a acometer nos últimos meses en San Cosme para sacar a rede xeral de debaixo das casas e situala por debaixo das beirarrúas, ampliando ademais a sección”. Fuente Parga engadiu que “estes días para proceder á colocación desas chaves tivemos que efectuar algún corte de auga dun par de horas de duración, e igual volven repetirse algunha xornada máis. Pedimos desculpas por este motivo. Tentaremos rematar ocasionando as menores molestias posibles aos veciños e veciñas de Barreiros”.

En total o investimento que se está a realizar en todos eses traballos que se acometeron e se acometen en San Cosme ascende a preto de 50.000 euros. O Concello tamén está a executar obras no abastecemento de auga en Vilar.

Exit mobile version