Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela concede a licenza de obra para a construción da nova gardería

Burela, 29 de xullo de 2014. A xunta de goberno extraordinaria celebrada este martes no Concello concedeu a licenza de obra para a construción da nova gardería. José Mª González Barcia agarda poder comunicarlle á Xunta no prazo duns quince días a cesión do solar, que desde onte é de titularidade municipal. Todo dependerá da inscrición no rexistro.

O rexedor explicou que “na xunta de goberno de hoxe concedemos a licenza da obra para a nova gardería. O importe é de algo máis de 377.000 euros. A partir de agora o que faremos será comunicarlle á Xunta de Galicia dita concesión para que a través do Consorcio de Benestar e Servizos Sociais continúe coa tramitación da obra para o seu inicio. E por outra banda, enviamos ao rexistro a documentación para a inscrición da finca a nome do Concello. No convenio asinado no seu día aparece o compromiso do Concello de poñer a disposición da Xunta un solar coas condicións urbanísticas requeridas, pero non se especifica o solar e iso será o que teremos que facer agora”.

González Barcia sinalou que “entendemos que o trámite rexistral é algo que non debería levar demasiado tempo, supoñemos que no prazo de 15 días lle comunicaremos á Xunta a cesión dese solar. Será a administración autonómica a que marque a pauta de inicio da obra, aínda que todo apunta a que será no mes de setembro”.

Críticas ao PSOE
Desde o equipo de goberno saen aos paso das últimas declaracións realizadas desde o PSOE. O grupo de goberno cualifica de “lamentable que un partido político se dedique a criticar o que van facer outros e que eles non puideron facer. Eles non foron capaces de facer nada pola gardería, o que non lles gusta é que se faga esta instalación e o que lles gusta menos é que a gardería a faga o PP”. Para os populares soa “a tomadura de pelo e a chirigota e demostra moi pouca seriedade pola súa parte plantexar a ubicación dunha escola infantil nos locais da antiga capitanía. É unha broma de moi mal gusto e significa que algúns falan por falar. E si plantexan facer unha gardería na actual Casa da Xuventude a conclusión que sacamos é que se queren cargar a Escola de Música”.

Exit mobile version