Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela crea unha praza interina de pedagoxía no centro de atención temperá

Burela, 4 de xullo de 2014. O Concello crea unha praza de interinidade para cubrir a baixa da licenciada en pedagoxía do centro de atención temperá. A concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, sinalou que “a pesares da situación complexa que estamos a vivir desde o equipo de goberno decidimos cubrir este gasto cunha interinidade. Estamos diante dun servizo prioritario, é dicir de primeira necesidade, para as familias que teñen nen@s de 0 a 6 anos con problemas evolutivos”.

A edil popular subliñou que “facemos o esforzo de realizar esta substitución ata a reincorporación da titular da praza”. Diana Durán dixo que “cando un neno ou unha nena ten dificultades deste tipo, hai que traballar con el de xeito inmediato, porque son meses vitais para o seu normal desenvolvemento. Non nos podemos permitir ralentizar a atención que se lles presta neste servizo”.

Diana Durán subliñou que “se non fose polo compromiso do Concello burelés este centro de atención temperá non estaría funcionando. É un servizo que está ubicado en Burela, pero no que se presta atención aos nenos e nenas de toda a comarca e é o noso Concello o que sufraga os gastos desta unidade, coa axuda da Xunta de Galicia”.

A concelleira de Servizos Sociais lembra que “se entende por atención temperá o conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0-6 anos, a familia e ao contorno, que teñen por obxectivo dar resposta o máis axiña posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nen@s con trastornos no seu desenvolvemento ou que teñen risco de padecelos. Estas intervencións, que deben considerar a globalidade dos nen@s teñen que ser planificadas por un equipo de profesionais de orientación interdisciplinar ou transdisciplinar”.

A unidade de atención temperá atendeu o ano pasado a 92 nen@s, 36 con idades que oscilan entre os 0 e os 3 anos e 56 de 3 a 6 anos. Segundo os datos do centro 35 nen@s acudiron por primeira vez á unidade, 28 requiriron ingreso e 35 recibiron á alta ao longo do pasado 2013.

Na unidade realízanse, entre outras, actividades asistenciais, tratamentos psicopedagóxicos, psicoterapéuticos, seguimentos evolutivos, estimulación da linguaxe, psicomotricidade, terapia familiar, información, asesoramento, coordinación e interconsultas nos ámbitos sanitario, social e educativo.

O ano pasado leváronse a cabo 1.836 terapias, 108 orientacións familiares, 5 orientacións profesionais, 78 seguimentos evolutivos e 35 nen@s recibiron 1.181 sesións de fisioterapia.

A unidade de atención temperá conta con unha psicóloga, unha pedagoga, unha fisioterapeuta e unha educadora social.

Exit mobile version