Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela manterá as nove coidadoras dos comedores de Virxe do Carme e Vista Alegre o vindeiro curso

Burela, 24 de xullo de 2014. O Concello de Burela ten previsto manter para o curso 2014-2015 o mesmo número de coidadoras nos comedores escolares que houbo no pasado curso. Nove son as persoas que se encargan desas tarefas, 5 no Ceip Virxe do Carmen e 4 no Vista Alegre.

A concelleira de Educación, Mónica Pedre, subliñou que “o Concello está sufragando os gastos do persoal que supoñen ter a 9 persoas como coidadoras dos comedores escolares dos CEIP Virxe do Carme e Vista Alegre. Deste xeito ratifícase o compromiso do equipo de goberno do Concello burelés de axudar no mundo do ensino e na conciliación da vida laboral e familiar. Neste mesmo sentido o Concello vai manter, sempre e cando os centros estean de acordo, as actividades que permiten que tanto o CEIP Virxe do Carme como o Vista Alegre estean abertos durante as tardes para que os nenos poidan facer actividades deportivas, outras organizadas pola aula de educación ambiental Gaia, etcétera”.

Pedre indicou que “desde o equipo de goberno queremos recordar que no que levamos de mandato municipal fomos capaces, nunha situación económica complexa, de manter exactamente os mesmos servizos que xa había cando o PP, no ano 2007, deixou o goberno municipal. Porque convén recordar que tanto as coidadoras de comedor como as actividades de tarde nos centros de ensino para facilitar a conciliación da vida laboral tiveron lugar na etapa anterior de goberno municipal do Partido Popular. E nós o que fixemos foi continuar con esas actividades”. A edil popular dixo que “houbo persoas que dixeron publicamente que nos íamos encargar de cerrar os comedores, que non íamos colaborar cos centros de ensino, pero nada máis lonxe da realidade: mantemos os comedores escolares, mantemos as actividades de tarde, recuperamos as subvencións ás asociacións de pais, que non existían, e estanse levando a cabo actuacións nos centros de ensino ou en colaboración con eles. E nesa liña imos continuar durante o próximo curso 2014-2015”.

A concelleira de Educación engadiu que “a continuidade das coidadoras de comedor e das actividades de tarde nos centros de ensino xa lles foi comunicada tanto ás direccións dos dous centros como as presidencias das asociacións de pais”. Mónica Pedre lembrou que “tamén seguiremos a custear os autobuses para que os nenos dos dous colexios poidan asistir á piscina durante todo o curso”.

Exit mobile version