Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela recibe unha subvención de 42.900 euros para a contratación de cinco persoas en risco de exclusión social

Burela, 3 de xullo de 2014. O Concello acaba de recibir unha subvención de 42.900 euros para a contratación de cinco persoas en situación ou risco de exclusión social que realizarán traballos de xardineiros e de peóns.

O alcalde, José Mª González Barcia, indicou que “o Concello de Burela ven de recibir este xoves unha comunicación oficial da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar pola que se nos concede unha subvención por un total de 42.900 euros para a contratación de cinco persoas durante sete meses, cun 75 por cento da xornada laboral, para facer traballos de xardineiros e de peóns. Esta subvención está concedida ao abeiro da convocatoria da Xunta de Galicia para a contratación temporal polas entidades locais de persoas en situación ou risco de exclusión social”.

Para o rexedor “deste xeito o Concello de Burela dá un paso máis en dous sentidos: por un lado, na súa preocupación polos servizos sociais para intentar, na medida das nosas posibilidades, colaborar coas persoas que agora mesmo están en situación de risco de exclusión social; e tamén na dirección de fomentar o emprego”.

González Barcia subliñou que “a concesión da subvención chegou hoxe mesmo ao Concello e probablemente mañá ou a principios da próxima semana poñeremos en marcha todos os procedementos habituais para a contratación destas persoas. Eu calculo que, se as cousas non se torcen, a finais deste mes de xullo ou principios de agosto poderán estar xa estas cinco persoas incorporadas ao Concello para traballar como peóns ou xardineiros a un 75 por cento da súa xornada laboral durante sete meses”. E engadiu que “os custos laborais son de 30.408 euros en total e os custos subvencionados da seguridade social ascenden a 11.494,35 euros”.

Exit mobile version