Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela recibe unha subvención de preto de 26.000 euros para melloras de aforro enerxético

Burela, 7 de xullo de 2014. O Concello burelés acaba de recibir unha subvención do Inega de preto de 26.000 euros que se destinará a melloras de aforro enerxético que se acometerán en Vilar e nas rúas Igrexa e Vilaestrofe, segundo deu a coñecer este mediodía o alcalde, José Mª González Barcia.

O rexedor explicou que “hai uns meses o Concello de Burela, xunto con outros 9 concellos da Mariña, solicitou unha subvención á Xunta de Galicia, a través do Inega, para continuar actuando en materia de aforro enerxético, concretamente para seguir coa substitución de lámpadas de alto consumo e de gran potencia por outras de baixo consumo e de menos potencia, para así aforrar enerxía e tamén cartos. A Xunta de Galicia ven de resolver a concesión destas subvencións e o Concello de Burela, en concreto, tiña solicitada unha de 30.407,81 euros, que é aceptada pola Xunta de Galicia, que nos vai aportar o 85 por cento, en concreto 25.846,64 euros, co cal a achega que vai ter que facer o Concello será de 4.561 euros. Como se ve, é unha subvención importante porque a achega que ten que facer o Concello non chega aínda aos 4.600 euros”.

González Barcia anunciou que “se van substituír lámpadas e luminarias en tres zonas: en Vilar, onde o ano pasado tamén se fixo unha actuación similar a esta, pero quedou sen rematar; na rúa da Igrexa e na rúa Vilaestrofe. En concreto, na zona de Vilar vanse substituír 31 lámpadas; na rúa da Igrexa vanse cambiar 14 luminarias, ou sexa 61 lámpadas; e na rúa Vilaestrofe vanse substituír 9 luminarias, 79 lámpadas”.

O alcalde considera que “se trata dunha actuación importante, pero aínda queda moitísimo por facer. Se cando se investiron practicamente 800.000 euros en farolas, ese diñeiro se tivera destinado a substituír lámpadas de gran consumo, como as que aínda por desgraza temos, por outras de baixo consumo, agora mesmo non estaríamos falando destas cuestións, senón de que o Concello de Burela sería un modelo en canto a aforro enerxético.
Así o que somos é un modelo de cómo se poden malgastar 800.000 euros a cambio de nada, porque a substitución desas farolas non trouxo absolutamente ningún aforro enerxético para o Concello, en definitiva ningún aforro de cartos para os cidadáns deste concello. Foron 800.000 euros que se gastaron substituíndo farolas cando se tiñan que ter gastado en cousas máis importantes; por exemplo, xa que falamos de alumeado, que se investiran en aforro enerxético real para que tódolos cidadáns deste concello pagáramos menos en consumo de luz do que estamos pagando agora. E esa dilapidación ten nome e apelidos: o bipartito municipal que gobernou Burela durante catro anos”.

Exit mobile version