Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo denuncia que “a Deputación impide o remate dunha obra urxente na rede de auga de Cervo-Burela”

Cervo, 25 de xullo de 2014-O Concello de Cervo denunciou este venres que a Deputación mantén bloqueado o remate dunha obra na rede de abastecemento de auga de Cervo e Burela. Os traballos foron realizados polo Consorcio de Auga Cervo-Burela e consistían na reparación urxente dunha avaría. En concreto, produciuse unha rotura na canalización de auga á altura do Rego do Carbón, na parroquia de Rúa, que obrigou ao Consorcio a actuar de inmediato para evitar a perda de auga e garantir o servizo.

Uns traballos que afectaban a unha estrada provincial e que a Deputación impide e bloquea, alegando que o Consorcio non solicitou permiso ao Goberno Provincial. Neste sentido a edil Yolanda Pedreira asegura que “se trata dunha obra urxente e que se debía facer de inmediato para asegurar un servizo básico como a auga potable”.

Aínda así, Pedreira explica que ao terceiro día dende que se comezou a reparar a avaría o Consorcio solicitou permiso á Deputación “pero nin sequera así puideron continuar coas obras”. Desta maneira, a reparación leva un mes paralizada polo Goberno Provincial. Neste sentido, os veciños xa transmitiron as súas queixas ao Concello polo estado de inseguridade creado tras o bloqueo.

Hai que dicir que a Deputación obrigou á empresa a deixar a estrada aberta e a obra a medias, cun grande burato nunha das marxes, de forma que un dos carrís se atopa intransitable. Isto levou á empresa a controlar o tráfico con semáforos provisionais, sen esquecer que este burato se atopa nunha curva pronunciada. Ademais, esta é a única vía de acceso dende Rúa a Cervo e, polo tanto, de moita afluencia de vehículos.

“Á Deputación non lle preocupa que os veciños teñan auga potable nas súas casas ou non, a pesar de ser un servizo básico e imprescindible e que as obras que executou o Consorcio eran de urxencia. O único que buscan é prexudicar aos veciños” remata a edil, Yolanda Pedreira.

Exit mobile version