Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo despide a Ocioteca nunha festa con música, xogos e merenda

clausura_ociotecaCervo, 1 de xullo de 2014- A Ocioteca despídese por este curso e faino por todo o alto, cunha festa á que foron convidados todos os nenos e nenas que estiveron acudindo a este programa lúdico. Unha festa que incluíu música, baile, karaoke, xogos, agasallos e merenda.

A Concellería de Educación puxo en marcha a Ocioteca por primeira vez no pasado mes de outubro, cos Pasatempos de Outono e, visto o seu éxito, seguiuse ofrecendo todos os meses ata xuño, de forma que a Ocioteca formou parte tamén dos Pasatempos Nadal, de Inverno e Primavera. Un programa que, polo tanto, converteuse nunha opción lúdica nas mañás dos sábados para todos os nenos e nenas.

En concreto, ao longo destes meses, a Ocioteca funcionou durante 30 xornadas, nas que decenas de nenos e nenas en idade escolar participaron en xogos, talleres de manualidades, prácticas de cociña, experimentos ou actividades deportivas, sempre buscando “que cada día fose entretido e que atopasen algo novo, sempre atendendo aos gustos e necesidades dos diferentes grupos de idade” asegura a edil de Educación, Pilar Armada, que estivo onte na festa. De feito, a Ocioteca ofrecíase en dúas quendas, unha para infantil e outra para primaria.

A Ocioteca despídese dando paso a outro programa lúdico, neste caso xa consolidado no tempo, como son os Enredos de verán, tamén ofrecidos dende Educación.

Exit mobile version