Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz e Costas mellorarán o alumeado do Paseo de Colón con 36 novas luminarias

040714 FOTO LUMINARIAS DE FOZ QUE SERÁN SUBSTITUÍDASFoz, 4 de xullo de 2014. O Ministerio de Medio Ambiente e o Concello focense fixeron posible que a localidade conte a partir dos vindeiros días cun mellor alumeado no Paseo de Colón, xunto á praia da Rapadoira. En total, estes dous organismos destinarán uns 7.000 euros a renovar 36 luminarias que se atopan nun estado de avanzado deterioro.

Así o anunciou hoxe o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, quen resaltou que “estas luminarias xa levan moitos anos activas e están moi deterioradas ata tal punto que non permiten o cambio das propias lámpadas, o que impide que estea suficientemente iluminado este paseo”. Un estado que preocupaba ó Concello xa que “se trata dun dos paseos máis transitado e populoso de Foz”.

Precisamente o mal estado das luminarias obrigou ó Concello a buscar financiamento para substituír estes 36 equipamentos de iluminación que finalmente serán repostos. As obras comezarán nos vindeiros días e permitirán, segundo Castiñeira, “dar moita máis luz e dinamizar tamén un pouco máis a zona da praia da Rapadoira, que é unha das máis concorridas no verán e que conta cunha ampla oferta hostaleira”.

O rexedor municipal rematou comentando que “é unha boa noticia, porque en próximos días xa estará feita a obra”.

Exit mobile version