Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo encara con optimismo o verán

Ribadeo, 7 de xullo de 2014. O alcalde ribadense, Fernando Suárez, afirmou este luns que dende o Concello “estamos encarando con moito optimismo este inicio de verán, con moitas expectativas postas neste reclamo que está supoñendo Ribadeo de cara ó mundo”. O rexedor destacou o aumento de turistas afirmando que “a media de pernoctacións foi aumentando en anos anteriores e segue a facelo, tanto en número de peregrinos como en número de visitantes que queren acudir a Ribadeo polos seus encantos”.

Entre ditos encantos, Suárez destaca “a marabillosa praia das Catedrais, e tantas outras cousas fermosas coma o casco vello, a parroquia de Rinlo ou todas as actividades que dende o Concello temos programadas para este verán, ben por acción directa ou ben por colaboración”. O rexedor referiuse ao mercado dos domingos “que onte daba gloria velo e xa desde hai uns días temos en funcionamento o bus praia, con catro rutas diarias de maneira circular, que parte de Ribadeo e vai por todas praias rematando na arquicoñecida das Catedrais”.

Entre esas actividades o edil destaca “o Ribadeo Indiano para este fin de semana, o festival de Jazz and Blues, a feira do libro que se recupera despois de moitos anos sen facela en Ribadeo, a festa do percebe de Rinlo prevista para o 2 de agosto, a mostra folclórica internacional, a festa da carne ao caldeiro de Remourelle, o festival de música clásica, o día da malla das Anzas ou a xira de Santa Cruz.”

Unha ampla oferta coa que o alcalde espera “dar a coñecer o mellor do municipio a toda esa xente que acude a el”. Suárez Barcia recordou ademais a importancia da valoración que fixo o portal web Trivago “quen concedeu a Ribadeo o segundo mellor posto do estado en canto á satisfacción que os clientes mostraron no uso dos hostais e hoteis ribadenses. Algo que enche de orgullo aos veciños e obriga ao Concello a intentar traballar cada ano mellor neste aspectos turísticos a pesar de non contar con moitos medios”.

Para o alcalde ribadense unha mostra de que o traballo se está a facer ben pasa pola oficina de turismo de Ribadeo e polo punto de información turística de As Catedrais: “hai poucos anos había unha soa persoa a media xornada traballando, e hoxe contamos con oito guías turísticos que non paran de dar información sobre o noso Concello a visitantes chegados de tódolos lugares”.

Exit mobile version