Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo entregou alimentos a unhas 40 familias en situación de necesidade grazas ó convenio coa Fundación Alimerka

230714 Foto Concello Alimerka (1)Ribadeo, 23 de xullo de 2014.- A Fundación Alimerka atendeu nos últimos dous anos a unhas 400 persoas en situación de pobreza na Mariña. A súa labor circunscríbese aos concellos nos que conta con establecementos comerciais, coma son Foz e Ribadeo. Neste último municipio fixo posible que unha media de 40 familias accedesen nos dous últimos anos ás súas cesións de excedentes en produtos procedentes das seccións de panadería, repostaría e froitería. Estes datos foron dados a coñecer hoxe en Ribadeo pola concelleira de Servizos Sociais, Teresa González Piñeiroa, e por Antonio Blanco, director da Fundación Alimerka.

Blanco afirmou que “desde la fundación trabajamos en dos vías en A Mariña. Por un lado donamos los excedentes de nuestros supermercados locales a los Servicios Sociales de los Ayuntamientos y, por otro, colaboramos con Cruz Roja subministrando vales de compra. Pero nuestro objetivo no es sólo alimentar, queremos también promover hábitos saludables en todo lo que tiene que ver con la nutrición”.

A concelleira ribadense de Servizos Sociais aclarou que “temos asinado dende 2012 un convenio de colaboración grazas ao cal a Fundación Alimerka nos doa os excedentes que teñen de bolería, panadería, froita e, sobre todo, ensaladas envasadas. Este convenio xurdiu no 2012 cunha colaboración a tres bandas entre Unicef, o Concello e a Fundación Alimerka.” Piñeiroa engadiu que “poderíamos dicir que levamos atendido nestes dous anos de colaboración a cerca de 40 familias. Se ben é certo que van mudando e non sempre son as mesmas, porque afortunadamente hai familias que pasan por momentos puntuais de apuro e logo xa non requiren axuda”.

Teresa González afirmou sentir “unha enorme inquietude a raíz dos últimos datos que se deron a coñecer en torno á pobreza infantil. Sinto impotencia por non poder facer máis e, sobre todo, porque ás veces considero que algo estamos a facer mal para que os nosos nenos e nenas teñan que pasar por estas estreiteces. Como responsable municipal podo afirmar que nos últimos anos a cara dos usuarios foi mudando. Antes atendíase poboación inmigrante e agora temos que ver día a día caras de veciños que ao mellor nunca se lle pasaría pola mente acudir a nós. E o peor é que ás veces acoden tarde de máis. Por iso o meu traballo dende que cheguei ao Concello nunca quixo restrinxirse a parchear a situación dando alimentos senón que intentei levar a cabo outras iniciativas para abrir o abano dos servizos sociais a pesar de que os recursos son cada vez son máis limitados.”

A concelleira mostrouse “moi orgullosa deste convenio coa Fundación Alimerka porque non se preocupan só pola alimentación senón tamén pola nutrición. Hoxe temos que cambiar esa imaxe da pobreza infantil: non son nenos que están nos ósos, delgadiños e con cara de enfermos. Hoxe, nun mundo desenvolvido, falamos de nenos mal alimentados porque non están ben nutridos. Son nenos que teñen exceso de hidratos de carbono porque ao mellor lles damos demasiada pasta. E a Fundación Alimerka serve para levar a cabo iniciativas baseadas na boa alimentación defendendo hábitos saudables.”

González Piñeiroa aproveitou o acto para recordar que “dende a Concellaría de Servizos Sociais tamén puxemos en marcha o banco de libros de texto porque consideramos que a educación, ao igual que a alimentación, é un dereito básico que debería ser gratuíto. Ademais polo Nadal facemos a campaña de recollida de xoguetes e tamén contamos cun banco de axuda ortoprotésica. En todos estes proxectos consideramos indispensable a cooperación con entidades públicas e privadas, como é neste caso a Fundación Alimerka”.

Exit mobile version