Site icon Crónica3.com A Mariña

Desfile de clans, vodas e xogos castrexos na terceira edición da Festa Castrexa de Burela

3FESTACASTREXA_006_DESFILEA terceira edición da FESTA CASTREXA de Burela (Lugo), organizada un ano máis pola Asociación de Comerciantes e Empresarios de Burela, deu comezo este venres cun espectacular e multitudinario desfile de clans polas rúas da vila. Uns 30 clans e 800 participantes percorreron os máis de 2 quilómetros ata chegar ó Porto de Burela, onde se celebrou máis tarde a cerimonia das vodas castrexas.

Á 1 da madrugada, coincidindo coa noite de lúa en cuarto crecente, o porto de Burela foi o escenario no que vinte parellas casaron polo rito celta, nunha cerimonia que contou con espectáculo de lume, casamentos castrexos, conxuro e queimada para os noivos.

Esta terceira FESTA CASTREXA de Burela continúa durante toda a fin de semana, na que as principais rúas, prazas, hostalería e comercios de Burela reviven o seu pasado castrexo.

O sábado celebráronse os tradicionais Xogos Castrexos “A Guerra dos Clans” pola mañá e “A Busca do Torques de Ouro” pola tarde, que ofreceron, un ano máis, importantes premios económicos: 500€ e 1000€, respectivamente. A proba celebrada na praia de Portelo consistía en atopar 6 patacas enterradas na area. Finalmente, foi o Clan McFlurry o gañador da “Busca do Torques de Ouro” facéndose co premio en metálico de 1.000 euros.

A gastronomía tamén ten un papel protagonista na festa, xa que os locais de Burela ofrecerán durante estes días tapas castrexas a 2€ e menús castrexos a 12€.

Actuacións musicais, mercado tradicional, xogos infantís, premios ás mellores caracterizacións castrexas, tanto de grupos como de locais, e un sorteo de 1000€ en vales de compra entre os clientes do comercio local completan o programa festivo deste ano.

Exit mobile version