Site icon Crónica3.com A Mariña

O Eido Dourado continúa cos concertos de verán achegando a Barreiros a L.A.R. Legido e Alejandro Vargas

160714 Foto lar legido-alejandro vargas (1)Barreiros, 16 de xullo de 2014. O jazz inundará este domingo, 20 de xullo, os xardíns do Eido Dourado polos que pasarán L.A.R. Legido e Alejandro Vargas. O concerto terá lugar a partir das 22 horas con entrada libre e gratuíta.

Celso Dourado, propietario do Eido Dourado, destacou que “aproveitando tanto o Seminario de Jazz que se está a desenrolar en Burela, como o Festival de Jazz que vai a comezar en Ribadeo, decidimos entre pasos intermedios, traer o domingo ao Eido a dous grandes do jazz.” Dourado quixo destacar que “L.A.R. Legido conta cun currículo impresionante. Dende fai anos toca practicamente con tódolos grupos galegos jazzísticos, aínda que non é galego, é de Valladolid. E Alejandro Vargas é outro dos grandes. Trátase dun cubano afincado en Galicia que participa na maior parte dos grupos de jazz radicados no noso país.”

Dourado adiantou que “son dous músicos que soen dar un espectáculo fermoso e que practican un tipo de jazz que poderíamos definir como experimental, xa que mesturan todo tipo de obxectos cos sons propios deste xénero musical.” O artista barreirense quixo resaltar que “Alejandro Vargas xa estivo actuando hai tempo no Cámping Gaivota e L.A.R. Legido actuou moitas veces co grupo emblemático de jazz galego Sumrrá, que estará tocando en Ribadeo o último domingo de xullo”.

Celso Dourado rematou a presentación deste concerto animando a xente para que participe e aclarando que “os concertos sempre comezan a partir das dez da noite que é cando cae o sol. Por iso definimos esta actividade coma Concertos ó solpor . Inícianse á caída do sol e intentamos iluminar todo o xardín de forma que se mesturen todas as iluminacións”. O artista pensa que “vai ser un concerto moi bonito, sempre e cando o tempo nos axude”.

Exit mobile version