Site icon Crónica3.com A Mariña

O Eido Dourado promove este venres un concerto gratuíto da Oxford University Cilidh Band no Cámping Gaivota

oucbBarreiros, 30 de xullo de 2014. O espazo artístico Eido Dourado organiza para este venres un novo concerto englobado no seu ciclo de música estival. Nesta ocasión o concerto celebrarase nas terrazas do cámping Gaivota. A banda inglesa Oxford University Ceilidh Band será a encargada de presentar un directo baseado no folk a partir das 23:00 horas. A entrada será gratuíta ata completar aforo.

Celso Dourado declarou que “vai ser o concerto estrela do verán no cámping Gaivota. Trátase dunha banda de Oxford, en concreto a Oxford University Ceilidh Band, que nace en Reino Unido arredor do 2011 en torno a palabra céilidh. Esta palabra é de orixe gaélico, que ven a ser sinónimo das nosas tradicionais foliadas ou seráns. E esta banda fai unha música que mestura cantidade de pezas inglesas, irlandesas e escocesas, con melodías incluso de diferentes países. Normalmente traballan moito o que sería en termos musicais as xigas, os reels e as polcas”.

O artista barreirense subliñou que “foi posible organizar este concerto a través dunha amiga e dun amigo que están na Universidade de Oxford e que se propuxeron coñecer un pouco máis de preto a música de raíz galega e facer unha viaxe por Galicia, dalgunha maneira foi un pouquiño fácil. Van recalar no cámping Gaivota e o concerto será promovido, unha vez máis, polo Eido Dourado”.

Sobre o céilidh Celso Dourado afirmou que “trátase dunha música terriblemente divertida e non hai festa patronal ou voda que non a organice. Unha parte desta banda que nos visita son músicos e outra parte dedícanse ao baile rexional, co cal incluso sacan a xente a bailar e é unha gozada velos. Nós imos mesturar esta actuación coa tradicional queimada galega do cámping Gaivota, un feito que penso pode converter o evento nunha noite marabillosa. Dende o Eido Dourado, invito a xente a vir gozar e recórdolles que a entrada é libre, aínda que o aforo é limitado, así que entraremos todos os que collamos”.

Exit mobile version