Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo de apoio a AGE de Ribadeo lanza a proposta dunha Plataforma Cidadá cara ás municipais

Un vento novo percorre Galicia e o estado español. Iniciativas cidadás abrollan en vilas e cidades co obxecto de tomar o poder do noso destino. O “non nos representan” berrado fai xa 3 anos polas asembleas do 15M ten cristalizado no convencemento da poboación de que só acadando o poder de xeito directo poderemos facer a limpeza que precisan as nosas estruturas políticas e administrativas. Só a través dun mandato compartido entre representantes e representados, suxeito a estritos controis de transparencia, comunicación e revogación, poderemos garantir que os nosos dereitos e intereses serán defendidos axeitadamente nos diferentes foros.

A creación das estruturas, os mecanismos de participación e o papel das forzas políticas acompañantes nun proceso deste tipo están aínda por ser deseñados, e cómpre traballalo entre todos, de xeito local, atendendo as peculiaridades de cada concello, con tempo. Por iso, se queremos (algo que tamén deberemos decidir entre todos) gobernar e xestionar o noso concello a partir de maio do 2015, temos que comezar a traballar xa na creación das mesmas e cara á formación dunha candidatura alternativa cidadá.

As xentes de Ames Novo levan anos pensando e facendo sobre cooperación entre as forzas políticas e entidades sociais. Co obxecto de aprender da súa experiencia organizamos o acto “Construíndo unha plataforma cidadá cara ás municipais: a experiencia de Ames Novo”, no que Pilar Candocia -concelleira e portavoz-, Quique Costa -coordinador- e Chus Boo -membra da coordinadora- presentarán e debaterán en Ribadeo o vindeiro mércores día 30, ás 20:30 na Casa do Mar a iniciativa de confluencia política e cidadá que están a promover no concello de Ames cara ás municipais do 2015.

Convidamos á veciñanza interesada e a todos os colectivos e asociacións cidadás para que atendan e participen neste acto, que quere ser o punto de partida para unha proposta similar en Ribadeo. E facemos extensivo o convite ás forzas políticas que estean dispostas a impulsar sen controlar, apoiar sen dirixir e acompañar sen tutelar, e a integrarse sen sectarismos e cooperar en pé de igualdade na procura dun Concello ao menos igual de solidario, galego, feminista e defensor do público ca hoxe, pero máis transparente, participativo, sustentable e aberto ás propostas e demandas da súa cidadanía.

Grupo de Apoio a AGE de Ribadeo.

Exit mobile version