Site icon Crónica3.com A Mariña

O IES Monte Castelo de Burela acolle o curso de verán ‘A divulgación como ponte entre ciencia e sociedade’

OLYMPUS DIGITAL CAMERABurela, 2 de xullo de 2014. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, asistiu este mércores no salón de plenos á inauguración do curso de verán A divulgación como ponte entre ciencia e sociedade, que organizan a Universidade da Coruña e o IES Monte Castelo. O rexedor subliñou que o Concello seguirá a apoiar, na medida das súas posibilidades, iniciativas coma esta e puxo de manifesto que os centros de ensino de Burela destacan pola súa actividade innovadora, tanto os IES coma os CEIPs.

González Barcia dixo que “hoxe pola mañá comezou no salón de plenos do Concello de Burela un curso de divulgación da ciencia entre a sociedade, un curso de verán organizado polo departamento de Física e Química do IES Monte Castelo en colaboración coa Universidade da Coruña. Vai ter unha duración de dous días e pretende achegar a ciencia á sociedade”.

O alcalde burelés entende que “estas actividades teñen que ser apoiadas dende as administracións locais, tendo en conta o que significa achegar a ciencia á sociedade en xeral, para que se dea conta de que o termo cultura non queda reducido de forma exclusiva á literatura, á filosofía, á pintura, á arte, senón que a cultura tamén engloba aquelas cuestións que teñen que ver coa física, coa química, coas matemáticas, coa bioloxía, etcétera. Creo que é positivo porque demostra a capacidade que teñen os centros de integrarse na súa sociedade máis próxima”.

Para José Mª González Barcia “hai unha segunda cuestión que eu creo que tamén é importante e pola cal temos que colaborar dende as administracións locais fundamentalmente cos centros de ensino, que é a capacidade de apertura dos propios centros á sociedade e de ser capaces de organizar actividades que permiten a mellora na formación dos propios docentes e daquelas persoas que queren selo nun futuro máis ou menos próximo. Porque este curso diríxese a docentes que están en activo e a estudantes de física, química, maxisterio, etcétera, que dentro duns anos exercerán a súa función docente nos distintos centros de ensino”. Neste curso de verán están a participar case 40 profesionais do mundo do ensino.

O rexedor asegurou que “desde o Concello, vamos apoiar en todo momento iniciativas coma esta, dentro das nosas posibilidades por suposto. Pero é certo que os centros de ensino de Burela demostran capacidade innovadora. Os dous IES, Monte Castelo e O Perdouro, son dos institutos da provincia con máis ciclos formativos actualmente en marcha. E os dous CEIP, Virxe do Carme e Vista Alegre, destacan entre outras cousas polo plurilingüismo, por exemplo. En definitiva son centros moi activos, abertos á sociedade e, evidentemente, nosoutros vamos apoiar calquera iniciativa, dentro das nosas posibilidades, que xurda deles”.

Exit mobile version