Site icon Crónica3.com A Mariña

O ISSGA colabora co sector pesqueiro para reducir a sinistralidade no mar

050714burela1Burela (Lugo), 5 de xullo de 2014.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) está a colaborar cos representantes do sector pesqueiro para a prevención de riscos laborais no mar. Por exemplo, a Consellería de Traballo e Benestar e a de Medio Rural e do Mar, contan cun acordo marco coa federación de confrarías para mellorar as condicións de seguridade e reducir a sinestralidade.

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, clausurou este sábado ó mediodía en Burela unha xornada sobre ‘Seguridade a bordo’, organizada polo Instituto Social da Mariña. Na súa intervención indicou que o sector pesqueiro é un dos que tradicionalmente está considerado como de alto risco por traballar nunha superficie móbil, a exposición a condicións climáticas adversas, a falta de xornadas fixas de traballo e descanso, ou as condicións de habitabilidade e hixiene dos barcos, que son ao mesmo tempo centros de traballo e vivenda.

Neste sentido, desde a Consellería estanse a desenvolver actuacións específicas no eido da prevención de riscos, a través do ISSGA. Tanto no Plan Estratéxico de prevención de riscos laborais como nos plans de actividades anuais do ISSGA, a pesca está considerada como un sector de actuación preferente.

Así, este ano segue desenvolvéndose o Plan Vixía, dirixido de forma específica a reducir os índices de sinestralidade do sector e á mellora da saúde na actividade pesqueira. Este dá continuidade ao traballo que a Xunta vén elaborando desde o ano 2000 no eido da prevención de riscos e a seguridade no sector e está destinado a mellorar os hábitos laborais dos profesionais do mar, aumentar o grao de coñecemento da situación sociolaboral do sector marítimo-pesqueiro, implantar unha concienciación preventiva no sector e velar polo cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais. Só no ano 2012 realizáronse preto de 200 actuacións no marco deste Plan, tanto de asesoramento como de seguimento e control.

Ademais, Quinzá-Torroja lembrou que o Instituto está a elaborar diferentes manuais dirixidos a mellorar a cultura de prevención, tales como as guías de vixilancia da saúde, as guías técnicas de prevención de riscos, os estudos epidemiolóxicos e guía de boas prácticas ou a guía de prevención de danos músculo-esqueléticos.

Doutra banda, ao longo do 2013 celebráronse 17 obradoiros de fisioterapia preventiva en concellos da costa de Galicia. Nestas actuacións ofreceron información e formación práctica en temas como os principios básicos da prevención, a ergonomía, a respiración, estiramentos, potenciación de músculos e diferentes exercicios físicos.

A directora do ISSGA lembrou tamén a existencia da Escola de Saúde do ISSGA para mariscadoras, que se está a levar a cabo ata o próximo mes de novembro. Grazas a esta iniciativa, os equipos médicos do Instituto están a repetir os recoñecementos médicos a todas as mariscadoras e redeiras que o solicitan. Ao mesmo tempo, impártense charlas en grupos de entre 12 e 15 profesionais do mar para sensibilizalas sobre a súa saúde e ensinarlles as medidas preventivas e bos hábitos que deben incorporar.

Adela Quinzá-Torroja explicou que todas estas actuacións cos traballadores e traballadoras do mar enmárcanse no Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014 que foi un dos primeiros acordos alcanzados no Diálogo Social. Trátase dun plan que fai especial referencia ao sector pesqueiro e, en concreto, a aquelas actividades onde a presenza da muller é maior, como as mariscadoras e as redeiras.

O reto actual pasa por desenvolver unha nova estratexia que abranguería os anos 2015 a 2020 e que deberá dar continuidade á que finaliza este ano para seguir establecendo melloras na seguridade e a saúde laboral.

Exit mobile version