Site icon Crónica3.com A Mariña

O libro ‘A praia das Catedrais e as súas contornas’ amosa a lucenses e visitantes os encantos turísticos da provincia de Lugo

rIMG_6863 - presentación libro As Catedrais e as súas contornasRibadeo, 23 de xullo de 2014.- O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga participou na tarde deste mércores na presentación do libro ‘A praia das Catedrais e as súas contornas’, unha obra dos xornalistas Beni Mántaras e Carmen Cruzado publicada coa colaboración da área de Cultura e Turismo da institución provincial que fai un percorrido polos atractivos turísticos da provincia de Lugo, dende o coñecido areal ata a comarca sur de Lugo.

Grazas a esta guía de viaxe na que aparecen reflectidos os principais enclaves turísticos da provincia de Lugo, non só os turistas senón tamén todas e todos os mariñáns e veciñas e veciños do resto da provincia, poderán coñecer de primeira man e valorar toda a riqueza paisaxística e cultural da súa terra.

A Praia das Catedrais conforma unha das paraxes naturais máis representativas e singulares tanto da comarca da Mariña como da provincia de Lugo, que cada ano recibe milleiros de visitantes. Un patrimonio paisaxístico que, tal e como explicou Antonio Veiga ‘dado o fluxo de turistas, máis precisa ser preservado e protexido, e co que se ten comprometido a Vicepresidencia da Deputación de Lugo xa que temos os mellores recursos naturais e é obriga das institucións poñelos en valor’.

‘E nese sentido – continuou o vicepresidente – vimos demandando unha maior colaboración por parte da Xunta de Galiza, que ata o de agora se veu desentendendo por completo deste areal, que sufre unha evidente masificación, e para o que recentemente vén de presentar un plan a todas luces insuficiente, que para nada cubre as necesidades do segundo destino turístico máis visitado de Galiza, por detrás da Catedral de Santiago’.

Así mesmo, a publicación do libro ‘A praia das Catedrais e as súas contornas’ comparte coa área de Turismo da Deputación, algúns dos principais obxectivos polos que traballa esta institución como desestacionalizar o turismo, evitar a masificación e aumentar os tempos de estancia dos visitantes ofertando distintas posibilidades, pensando todos os atractivos da provincia de Lugo como un todo: mar na Mariña, etnoloxía na Ribeira Sacra, patrimonio histórico en Lugo, e natureza nos Ancares ou no Courel, entre outros.

‘Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apostamos por un dos sectores con máis futuro da provincia: o turismo. Pero esa aposta non a facemos por calquera tipo de turismo, facémola por un turismo de calidade vinculado á cultura e ao medio ambiente. Un turismo sostible, non masificado, que protexa entornos como é o caso da Praia das Catedrais. Para todos é coñecida a necesidade de compatibiliar a masificación que sofre o areal ribadense coa urxente protección do areal e da súa contorna natural, para non corrermos o risco de matar a galiña dos ovos de ouro’ – concluíu o vicepresidente.

Exit mobile version