O Memorial Rodrigo Maseda Lozano 2014 que organiza a Fundación Imdecum celebrou unha nova edición cun éxito rotundo de participación e organización. O evento deportivo que recorda o legado e memoria de Rodrigo Maseda Lozano, policía nacional burelés que entregou a súa vida na traxedia da praia de Orzán (A Coruña) en xaneiro de 2012, consolídase como referencia nos torneos estivais de fútbol sala basee na provincia de Lugo.
Nesta edición participaron 33 equipos disputando un total de 67 partidos nas diferentes sedes, sendo 13 as entidades deportivas inscritas no torneo e 7 delas acoden á cita desde fóra da Mariña; Lugo, Ourense, A Coruña, Asturias, Valladolid e Madrid configuran o mapa dun Memorial que continúa medrando.
O impacto económico do Memorial Rodrigo Maseda Lozano na Mariña e particularmente en Burela, sede central do Torneo, é unha realidade avalada pola cifras. Entendendo o impacto económico como xerador de riqueza aportada por axentes externos á localización do evento. É dicir; participantes, afeccionados, familiares, amigos que acoden a unha determinada localidade ou comarca exclusivamente por mor da celebración do evento deportivo no que van participar os seus equipos, fillos, irmáns, etc… e excluíndo da ecuación os participantes locais.
Nesta edición do Memorial o 50% dos deportistas foron foráneos, dato que sumado á xente que os acompaña implica unha cifra superior ás 400 persoas que visitan A Mariña durante tres e ata máis días. O sector hoteleiro burelés concentra o aloxamento dos clubs participantes: Hotel Nordés, Hotel Sargo, Hotel Galatea e Hotel Canabal, ademais do Hostal Buenavista de San Cibrao, aloxaron a participantes, familiares, afeccionados… que gozaron da hostalería, o comercio e o encanto mariñán. A tenor dos datos, o impacto económico que xera o Memorial Rodrigo Maseda Lozano na contorna mariñán é de 106.500 euros. Cifra que pode verse superada en próximas edicións xa que o Memorial evoluciona cunha dinámica positiva de crecemento.