Site icon Crónica3.com A Mariña

O Monte Castelo acollerá a súa romaría do 24 ó 27 de xullo

030714 Foto Monte CasteloBurela, 3 de xullo de 2014. A área recreativa do Monte Castelo acollerá unha nova edición da romaría que leva o seu nome do 24 ao 27 de xullo. O evento acaba de presentarse nese lugar. Ata alí se desprazaron o alcalde de Burela, José Mª González Barcia, e as concelleiras Diana Durán e Mónica Pedre, ademais de membros da asociación Amigos do Monte Castelo.

O rexedor dixo que “a Romaría do Monte Castelo adquiriu un grande renome en toda a comarca e noutras zonas tanto da provincia de Lugo coma do norte da Coruña. A presenza de xente ven sendo masiva e nun moi bo ambiente, polo tanto agardamos e confiamos en que siga a ocorrer o mesmo”.

González Barcia pídelles a veciñ@s e visitantes “que respecten o medio ambiente e que se divirtan” e agradeceu o traballo realizado pola asociación Amigos do Monte Castelo: “eles organizan o festexo e distribúen as zonas de acampada”. O alcalde lembrou que “o Concello colabora de xeito económico coa Romaría do Monte Castelo e poñemos á súa disposición os medios materiais e humanos que precisan para que todo discorra con normalidade, tal e como se fixo sempre e como se seguirá a facer”.

O rexedor sinalou que “son xa moitos anos de Romaría do Monte Castelo. Esta festa converteuse nun dos eventos máis importantes de Burela e da Mariña luguesa no verán. Para o Concello é moi positiva a súa celebración pola proxección que realiza de Burela e da área recreativa do Monte Castelo”.
A XIX Romaría do Monte Castelo desenvolverase do 24 ao 27 de xullo.

Exit mobile version