Site icon Crónica3.com A Mariña

O novo marco lexislativo dos montes comunais de Galiza, a estudo na Deputación de Lugo

rIMG_2272 - Xornada técnico informativa Montes ComunaisLugo, 30 de xullo de 2014. O salón de actos da Deputación de Lugo acolleu, durante toda a mañá deste mércores, a xornada técnico informativa “Os nosos Montes Comunais”, unha iniciativa posta en marcha conxuntamente pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (OGCMMVVMC), e a Federación Rural Galega (FRUGA), en colaboración coa institución provincial.

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou nesta xornada técnica, na que o principal obxecto de estudo radicou na análise do novo marco lexislativo, introducido pola lei 7/2012, do 28 de xuño, regulador da xestión dos montes e de todos os recursos que os mesmos xeran. Un estudo pormenorizado que contou coas intervencións dos enxeñeiros de montes Xabier Bruña e Noemí García; o avogado Patricio Viveiro, e o presidente da OGMMVVMC Xosé Alfredo Pereira; que expuxeron as súas argumentacións arredor dunha táboa redonda moderada polo presidente da Fruga, Xurxo Álvarez.

Durante a súa intervención, o responsábel de Cultura destacou a importancia desta xornada técnica en canto “pon enriba da mesa a análise da lei 7/2012 do 28 de xuño, que afecta especialmente aos montes veciñais en man común, polo que, de seguro, resultará moi positiva para as xuntas reitoras e comuneiros de cara a coñecer os novos modelos organizativos aos que teñen que adaptarse tales como a fiscalidade, os deslindamentos, os novos modelos de xestión, ou as novidades substanciais acerca dos montes de convenio ou consorcio, entre outros aspectos”.

Así mesmo, Mario Outeiro amosou a implicación e compromiso co monte galego que ten adquirido a área de Cultura e Patrimonio Histórico que dirixe, “xa que os nosos montes son un patrimonio natural moi importante e unha fonte de riqueza esencial para Galiza”, e fixo unha chamada á defensa do territorio, solicitando “un maior apoio por parte das administracións públicas e unha maior concienciación, tamén por parte da sociedade, coa sustentabilidade territorial e medioambiental dos nosos montes”.

Neste sentido, o delegado insistiu en que “no monte en mancomún atopamos algunhas comunidades con proxectos moi interesantes, que apostan pola diversificación e o aproveitamento, creando emprego, algo máis interesante, se cabe, tendo en conta a situación económica actual. O monte veciñal segue a ter futuro e pode ser unha ferramenta para o desenvolvemento do país”.

Exit mobile version