Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade súmase á concentración da Plataforma Galega polo Dereito Aborto este venres 25 de xullo en Compostela

O Observatorio da Mariña pola Igualdade, ao igual que as restantes asociación que compoñen a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, levamos varias semanas en alerta sobre a aprobación da contrarreforma da lei do aborto no Consello Ministerial, co propósito de convocar concentracións nas cidades e vilas galegas amosando o rexeitamento da cidadanía a esta nova lei retrógrada que anula a capacidade de decisión das mulleres sobre as súas vidas, que vulnera os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, e que en definitiva nos priva de liberdade.

Recentemente confirmouse que o novo texto será levado ao Consello Ministerial para a súa aprobación o venres 25 de xullo. O feito de que a aprobación coincida co 25 de xullo obriga ao Observatorio da Mariña pola Igualdade a un cambio de plans, de xeito que nos uniremos á concentración xeral organizada en Santiago de Compostela pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto.

O Observatorio seguirá activo na comarca, informando sobre as implicacións desta, loitando polo dereito a decidir sobre o nosos corpos, e manifestando o noso absoluto rexeitamento a esta nova lei. Entre os actos que organizaremos nas vindeiras semanas, atópase a proxección do documental “ El tren de la libertad”, do Colectivo de mulleres cineastas contra a reforma da lei do aborto. En breve informaremos da data e da vila da Mariña onde teña lugar esta actividade.

Exit mobile version