Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno da Deputación aproba a moción do BNG para demandar de Fomento a análise da seguranza do tramo da A8 entre Mondoñedo e Abadín

Lugo, 29 de xullo de 2014. A Deputación de Lugo, logo do pleno celebrado este martes e a instancias dunha proposta do Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego, que se aprobou cos votos a favor do BNG e o PP e cos votos en contra dos socialistas, urxirá ao Ministerio de Fomento para que técnicos deste departamento e especialistas en seguridade viaria analicen o tramo da A-8 entre os concellos de Mondoñedo e Abadín de cara a detectar posibles fallos construtivos ou de trazado ou eivas na sinalización, así como para que se incorporen todos aqueles elementos de seguranza viaria necesarios para evitar novos accidentes neste tramo.

Durante a súa intervención, Antonio Veiga defendeu a proposta alegando que “transcorridos só varios meses desde a súa apertura, e logo de décadas de espera, o último tramo aberto ao tráfico da Autovía A-8 en Galiza, comprendido entre A Xesta e Lindín, tense xa convertido nun perigoso punto negro para a circulación por estrada dentro de Galiza, e non é de recibo que esta situación se produza nunha autovía que se acaba de abrir, porque non estamos a falar dun tramo obsoleto dos anos 60 ou 70, senón nunha vía de recente construción”.

A modernización da rede viaria coa construción de vías de alta capacidade de tráfico ten como obxectivos fundamentais a mellora da conectividade e o incremento da seguridade na circulación por estrada. Porén, no caso deste tramo, inaugurado o pasado mes de febreiro, tense xa convertido nun perigoso punto negro para a circulación por estrada dentro de Galiza.

Á difícil orografía do terreo, que salva en poucos quilómetros un importante desnivel pasando de 176 metros sobre o nivel do mar a 698 metros de altitude no alto do Fiouco, engádenselle unhas condicións climatolóxicas moitas veces adversas, con densa néboa e forte vento.

Neste sentido, o vicepresidente da Deputación precisou que “medio ano despois da súa apertura son xa moitos os accidentes producidos neste tramo, o último deles o pasado sábado, día 26, con ducias de vehículos implicados e a primeira vítima mortal. Estamos ante unha chapuza máis do Ministerio de Fomento en Galiza, posto que a necesidade de novas medidas de seguridade nesta autovía, pon en evidencia que todas as medidas adoptadas ata o momento eran insuficientes”.

“Diante desta situación de reiterada siniestralidade, é precisa a adopción con carácter de urxencia das medidas necesarias dende o punto de vista técnico e da seguranza viaria para evitar que se poidan producir novos accidentes e a perda de máis vidas humanas” – concluíu Veiga.

Exit mobile version