Site icon Crónica3.com A Mariña

O pleno de Cervo debaterá unha moción de urxencia para reclamar á Deputación que remate os accesos ao polígono de Cuíña

Cervo, 31 de xullo de 2014- O grupo de goberno presentará estar tarde en pleno ordinario (20 h.) unha moción urxente sobre o polígono de Cuíña. No texto, o equipo de goberno reclamará “unha vez máis” que a Deputación “remate os accesos ao parque empresarial que levan 8 anos bloqueados”, tal e como explica o tenente de alcalde, José Manuel Balseiro.

O voceiro do goberno local argumenta a urxencia da moción tendo en conta o accidente que tivo lugar esta semana, no que un camioneiro resultou ferido e tivo que ser hospitalizado mentres buscaba os accesos ao polígono.

“A Deputación non está tomando en serio a necesidade de contar con estes accesos, e está pechando os ollos ante un problema grave de seguridade das persoas”, asegura Balseiro. Nesta ocasión as consecuencias da falta de accesos foron máis graves, cun ferido evacuado ao hospital, pero o tenente de alcalde non esquece outros problemas que se veñen rexistrando continuamente e que tamén afectan á seguridade.

Un exemplo é o tráfico constante de vehículos de grande tonelaxe polo casco urbano de San Ciprián. “A única maneira de entrar no polígono é circulando polo centro da vila, cos perigos que iso implica” especifica Balseiro.

Unha situación que xera problemas de seguridade, xa que os camións circulan por diante de lugares como o centro de saúde ou o instituto; sen esquecer que hai zonas, como a ponte sobre o tren en San Ciprián, polas que os camións de grandes dimensións non poden pasar, o cal xa ten provocado que algún quedase atrapado. Tamén é importante destacar a necesidade de dispoñer duns accesos axeitados para dinamizar e impulsar o tecido empresarial no polígono.

Por estes motivos, o grupo de goberno proporá a adopción do seguinte acordo: “O Pleno da Corporación municipal de Cervo acorda instar á Deputación de Lugo a incorporar nos orzamentos provinciais para o ano 2015 unha partida económica coa dotación suficiente para a execución e remate completo das obras da estrada de acceso ao polígono industrial de Cuíña”.

Unha moción que o voceiro do goberno agarda que “conte co apoio unánime de todos os grupos da corporación para que, xuntos, podamos facer forza e cumprir cunha reivindicación histórica coa que a actual Deputación non está sendo sensible”, remata Balseiro.

Exit mobile version