Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP critica o estado de abandono que presenta o espazo habilitado para aparcadoiros detrás dos xulgados de Mondoñedo

Mondoñedo, 01 de xullo de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo critica o estado de abandono que presenta o espazo habilitado para aparcadoiros na parte posterior dos xulgados.

Os populares explican que o recinto disposto para albergar prazas de estacionamento presenta un “vergonzoso” estado, no que medra a maleza xunto a outras clases de especies arbustivas.

Dende o Partido Popular de Mondoñedo aseguran que se está ante un novo exemplo de dilapidación de fondos públicos; ao tratarse hoxe en día dunha localización abandonada e á que incluso está limitado o acceso de vehículos coa colocación de vallas.

Neste senso, os populares lembran a visita do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, para vender un recinto, que hoxe en día segue sen poder ser unha opción de estacionamento para os veciños.

“Estamos ante un claro exemplo de desgana, de desinterese e de apatía ante as demandas dos mindonienses. Botar area e adecuar un espazo para despois abandonalo e deixar que medre a maleza só pode deberse a unha despreocupación absoluta por parte do equipo de goberno e do alcalde Orlando González”.

Preocupados pola falta de estacionamento
O Partido Popular de Mondoñedo reproba que o alcalde da localidade non sexa quen de darlle unha solución ao problema do estacionamento en Mondoñedo.

“Nin foi capaz de poñer en marcha os seus propios proxectos, como é o do estacionamento detrás dos xulgados; nin de sacar adiante iniciativas propostas polo PP como é a dotación dun aparcadoiro no entorno da igrexa de Santiago”.

Os populares tamén foron moi críticos coa política sancionadora do equipo de goberno e lamentan que o problema de falta de prazas para estacionar agravarase trala inminente prohibición por parte do equipo de goberno de estacionar na praza da Catedral.

Exit mobile version