Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Mondoñedo resalta o compromiso da Xunta coa localidade ao licitar actuacións de mellora na LU-124

Mondoñedo, 16 de xullo de 2014.- O Partido Popular resaltou o compromiso da Xunta de Galicia coa localidade, ao licitar este mércores no DOG actuacións de mellora na LU-124, que comunica Mondoñedo coa A-8.

Deste xeito, o goberno popular, “que unha vez máis fala no DOG”, demostrou o firme interese da administración autonómica para darlle resposta a unha das principais demandas dos mindonienses.

O investimento de preto de 775.000 euros para a rehabilitación do firme no tramo urbano, para o ensanche e mellora da plataforma entre a localidade e Lindín e para a adecuación da sinalización e balizamento nos 7,5 quilómetros ata o enlace coa A-8; permitirá a circulación con mellores garantías de seguridade e, en especial, agora que capta novos vehículos procedentes da A-8.

Así, o Partido Popular unha vez máis pon en valor o esforzo económico da administración autonómica nun momento “moi delicado” para darlle unha resposta en positivo a unha petición que os propios populares locais solicitaron no pleno municipal.

Por último, os populares lembraron que este é un novo exemplo da implicación do goberno popular da Xunta de Galicia con Mondoñedo e coa LU-124. “No ano 2012 o anterior conselleiro mantivo unha reunión cos veciños da parroquia do Carme para tratar a mellora desta vía; e foi cun goberno popular, o de Manuel Fraga, cando se redactou o primeiro proxecto de acondicionamento desta estrada”; explicaron dende o PP.

Así, os populares reiteran o seu agradecemento a Xunta de Galicia ante a súa atención a unha reivindicación tanto dos veciños como do Partido Popular de Mondoñedo.

Exit mobile version