Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP defenderá a elección directa de alcaldes en todos os concellos da provincia

Lugo, 29 de xullo de 2014.- O Partido Popular presentará unha moción en todos os concellos da provincia de Lugo para promover o debate e manifestar o seu apoio á proposta da elección directa de alcaldes.

A moción aposta por que se impulsen as modificacións legais oportunas que garantan o respecto á vontade maioritaria dos cidadáns, de tal xeito que o cabeza da lista máis votada nas Eleccións Locais sexa elixido alcalde.

“Respectar a vontade maioritaria dos cidadáns esixe que os alcaldes se decidan nas urnas e non en pactos nos despachos”-insisten desde o Partido Popular lucense.

A iniciativa defende que a elección directa do alcalde fúndase tamén na procura dunha maior identificación do rexedor cos electores e nun reforzamento do concello como institución destinada a proporcionar servizos aos cidadáns.

Esta iniciativa, impulsada polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy, implicaría unha reforma da lei electoral e forma parte dun amplo paquete de medidas para a rexeneración democrática propostas polos populares.

SISTEMA PLENAMENTE DEMOCRÁTICO
Desde o PP insisten en que, permitir que goberne a lista máis votada é un modelo plenamente democrático. Así lembran que o sistema de representación maioritaria existe en países como Francia, Reino Unido ou Italia e, polo tanto, “é tan legal e lexítimo como o de representación proporcional”.

Tamén en España que goberne o máis votado é un uso democrático que temos instaurado nas Cortes xerais e que o propio PSOE propuxo no seu programa electoral en 2004

A DEPUTACIÓN DE LUGO COMO ANOMALÍA DEMOCRÁTICA
“Trasladalo aos municipios non debería estrañar a ninguén”-aseguran desde o PP- convencidos de que este sistema poría fin a anomalías democráticas como as que, por exemplo acontecen na Deputación de Lugo.

“O sistema actual fai que PSOE e BNG que sumados teñen 3.216 votos menos que o PP na provincia de Lugo, gobernan a Deputación primando un pacto entre perdedores”-lembran os populares.

Exit mobile version