A MARIÑA, 15 DE XULLO DE 2014.- Os socialistas da Mariña lamentan que o deputados do Partido Popular “saian na prensa para anunciar que Sanidade inicia os trámites para adxudicar o plan director do Hospital, e non para dar prazos concretos de cando a Xunta de Galicia ten previsto iniciar e rematar a ampliación”. Deste xeito, o PSOE da comarca, cuxa coordinadora é Mayra García, considera que, detrás deste anuncio, “o que pretende o PP e o SERGAS é facer ver á cidadanía que realmente avanzan sen facelo, así como disimular o incumprimento reiterado de Feijóo”.
Por este motivo, a coordinadora comarcal asegura que as previsións da Consellería “non nos convencen”, e pídelle aos deputados do Partido Popular “unha maior decencia política”, e que “se deixen de falacias, de inauguracións, de falsos anuncios e que aporten máis servizos públicos. Xa está ben de que traten de inxenuos. O que queremos todos os veciños da Mariña é se cumpra a palabra dada. Nada máis”, afirma.
“Agochar o desmantelamento da Sanidade mariñá”
A socialista fai estas declaracións porque considera que a verdadeira intención dos populares non é outra que “agochar o desmantelamento que está a levar a cabo o Goberno galego da Sanidade mariñana” con medidas como a xestión integrada, e que implican unha perda notable dos servizos asistenciais, emprego e capacidade resolutiva, ata o punto de que o Hospital acabe funcionando como un ambulatorio.
Porén, subliña que a actitude dos deputados do Partido Popular, e máis concretamente da xestión da administración autonómica, “roza a mendicidade, xa que impide claramente que os mariñanos poidamos ter unha Sanidade de calidade. E non o dicimos só os socialistas, senón que tamén o din os profesionais, que son testemuñas directas do deterioro dos equipos instrumentais, das deficiencias do servizo de mantemento dos aparellos electrónicos, da falla de previsión nas compras… e, o que é máis grave, da perda de especialistas que se marcharon no concurso de traslados ou que se xubilaron forzosamente e cuxas prazas non foron cubertas, nin de xeito continuo nin de xeito temporal….”.
“Cremos, conclúe a coordinadora do PSOE, que se trata dun tema moi serio. Estamos a falar da saúde das persoas, pero aos Gobernos do Partido Popular, e polo que se ve tamén ao Sr. Balseiro e ao Sr. Vidal Martínez, semella que non lles importa”.