Site icon Crónica3.com A Mariña

O senador socialista Miguel Fidalgo exixe á Ministra García Tejerina un cambio profundo ás políticas pesqueiras do Goberno e que deixe de culpar a Europa dos problemas do sector

Madrid, 15 de xullo de 2014.- O portavoz socialista en materia de Pesca e senador galego, Miguel Fidalgo, esixiu, este martes, á Ministra de Agricultura e Pesca, Isabel García Tejerina, un cambio profundo ás políticas pesqueiras do Goberno e que deixe de culpar a Europa dos problemas do sector.

Fidalgo interveu na Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación e pediu ao Executivo do PP que dote, nos próximos orzamentos, de partidas económicas suficientes para cofinanciar os programas do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) e que cre programas propios para aproveitar o potencial económico do sector do que dependen moitas *comarcas españolas, tendo en conta que co PP o orzamento para Pesca reduciuse á metade e pasou de 122 millóns de euros a tan só 61 millóns.

Por outra banda, o parlamentario do PSOE solicitou ao Goberno que se ocupe dos reiterados accidentes de barcos pesqueiros e tome medidas para evitalos. Tamén pediu criterios obxectivos nos repartos de xarda e xurelo para evitar conflitos. Así mesmo, esixiu ao Executivo que busque licenzas para os buques que as perderon polos fracasos en materia de Tratados Internacionais cos distintos países do mundo.

Para rematar, Miguel Fidalgo pediu á Ministra programas de apoio á flota costeira e artesanal que lle dá vida á maioría de pobos e comarcas dependentes da pesca, así como á comercialización dos produtos pesqueiros e do marisqueo. Fidalgo concluíu apuntando a necesidade de facer un plan de igualdade específico para a muller no sector que mellore as condicións de mariscadoras e redeiras e mulleres tripulantes.

Exit mobile version