Site icon Crónica3.com A Mariña

Os fondos europeos como recurso para impulsar o desenvolvemento dos Concellos, a análise na Deputación

IMG_0663Os fondos europeos como recurso para impulsar o desenvolvemento dos concellos. Este foi o obxecto de análise na xornada formativa celebrada este venres na Deputación de Lugo coa participación de medio centenar de persoas baixo o título Preparación das entidades locais ante os novos programas de financiamento comunitario durante o período 2014-2020. “Queremos que as entidades locais aproveiten todas as posibilidades que ofrece o financiamento da Unión Europea dentro da nosa aposta pola máxima cooperación cos Concellos”, destacou Álvaro Santos na inauguración do encontro, un acto no que tamén participaron o director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, e o vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfonso Villares.

Santos sinalou que os Concellos “ven moi mermada a súa capacidade de financiamento e investimento debido a crise económica que estamos a vivir, polo que na Deputación queremos que os Concellos aproveiten todas as posibilidades que ofrecen os fondos europeos; de aí a organización deste foro”. Santos tamén afirmou que resulta “de vital importancia que procuremos fontes alternativas de financiamento que nos axuden a impulsar a competitividade e o crecemento económico”.

O Deputado destacou neste sento que a institución luguesa executa dende o ano 2007 proxectos europeos por valor de máis de 42 millóns de euros “con resultados moi satisfactorios”. Estes xiran en torno a tres liñas de traballo, que segundo os expertos, son imprescindibles para frear a grave caída de habitantes que sofre a provincia. Trátase da creación de emprego, o impulso ó medio ambiente como oportunidade económica e o aproveitamento das vantaxes das novas tecnoloxías para favorecer o desenvolvemento da provincia. Ademais, na última convocatoria de 2011, a Deputación de Lugo foi a 5ª entidade local de toda España que máis fondos recibiu da Unión Europea.

Pola súa banda, o director da Fundación Galicia Europa resaltou o compromiso da Deputación de Lugo cos asuntos europeos, ó tempo que remarcou a aposta pola cohesión social da iniciativa Estratexia Europa 2020, que se desenvolve no “contexto do marco cambiante de Europa”. Neste senso, o vicepresidente da FEGAMP tamén fixo fincapé na cultura de cooperación, resaltando a importancia desta xornada, xa que “abre as portas da Unión Europea ás entidades locais”.

Xornada gratuíta
Esta convocatoria gratuíta abordou as pautas e recomendacións para conseguir que Galicia acade os obxectivos da Estratexia Europa 2020, que finca os seus piares básicos nun crecemento sostible e integrador de todos os países da Unión Europea. Neste ciclo, os asistentes puideron realizar consultas directas con dúas destacadas expertas na materia, que fixeron recomendacións para poñer en marcha iniciativas que atendan ós principios estratéxicos de crecemento comunitario de cara aos vindeiros 6 anos.

A directora xeral e a directora da zona norte da consultaría Econet S.L., Mayte Carracedo e Graciela Garrido, respectivamente, foron as encargadas de amosar, nas súas conferencias, algunhas fontes alternativas de financiamento para incentivar o crecemento económico. Para rematar, celebraron unha serie de reunións individuais, coas entidades que o solicitaran de antemán, para analizar as posibilidades de financiamento dos seus proxectos.

Exit mobile version