Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas acusan á Xunta de estar “de vacacións” mentres a flota galega que quedaba en Mauritania é expulsada do caladoiro

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 14. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, acusou ao goberno galego de permanecer “de vacacións” mentres os pesqueiros galegos que aínda faenaban no caladoiro de Mauritania son expulsados por diverxencias entre a UE e aquel país sobre a interpretación do convenio.

Lamentou o “desleixo e lamentable impasibilidade” amosada pola conselleira de Pesca, que “non fai nada, nin se lle ocorre presionar ao goberno para xestionar unha prórroga do actual convenio ata que se renove o seguinte”. Censura que “mentres os nosos barcos están sendo expulsados do caladoiro ningún representante da Consellería intenta solucionar a situación, e a propia conselleira atópase en paradoiro descoñecido”.

José Ramón Val sinala que o goberno galego está a demostrar a súa “absoluta incapacidade para defender os intereses da flota galega” no caladoiro mauritano logo do “ridículo espantoso” xogado na negociación o convenio pesqueiro o pasado ano, que concluíu coa expulsión de 24 buques cefalopodeiros galegos e os seus 200 tripulantes.

Agora, apuntou, “nin sequera son quén de amosar un mínimo interese polo mantemento dos buques que conseguiran manterse a flote no caladoiro”, na súa maioría galegos e canarios.

Exit mobile version