Paco Nogueiras é o compositor e intérprete de todas as cancións de “Brinca Vai!”, nas que aborda materias incluídas no currículo escolar: o verán, a natureza, os xogos tradicionais, a importancia dos libros e da lingua galega, ou celebracións como o Entroido, o Nadal, o Magosto e o Samaín. Destaca tamén polo amplo abano de estilos musicais contemporáneos que abrangue, dende o rock ao reggae, pasando polo techno e a música electrónica, con influencias tradicionais.
Trátase dunha proposta lúdica e transgresora, que transmite bo humor, e que se complementa con imaxes cheas de colorido, expresividade e dinamismo. “Brinca Vai!” reúne lectura, expresión musical e corporal, creatividade artística e aprendizaxe global en clave de diversión. Ademais, invita á participación do público a través da web www.brincavai.com, onde se recollen opinións dos lectores, vídeos elaborados nos centros de ensino a partir das cancións orixinais do libro-disco, ou fotos do público coa careta de chapeu e lentes deseñada en base ao personaxe de Paco Nogueiras.
Entre os vídeos musicais incluídos no dvd de “Brinca Vai!”, o da canción “Meu o mundo é!” -convertida nun himno a prol da utilización da lingua galego en todos os eidos da vida cotiá- está dispoñible tamén en Youtube. Dende a súa estrea coincidindo co Día das Letras Galegas, xa supera as 5.000 reproducións.