Site icon Crónica3.com A Mariña

Pérez Herraiz pide a comparencia no Congreso do secretario de infraestruturas co fin de que Fomento explique as medidas levadas a cabo na A-8 e se estas garanten a plena seguridade dos usuarios

LUGO, 30 DE XULLO DE 2014.- A deputada por Lugo no Congreso –Margarita Pérez Herraiz-, xunto ao voceiro de Fomento do PSOE –Rafael Simancas- vén de pedir por escrito a comparecencia en Pleno do secretario de Infraestruturas, Transporte e Vivenda –Rafael Catalá Polo-, co fin de que dende Fomento se explique polo miúdo as medidas que se están a levar a cabo no treito da A-8, no que se rexistrou o accidente múltiple esta fin de semana. Con esta medida, o grupo socialista pretende que se garanta ao 100% a seguridade e a integridade dos usuarios desta vía, xa que “nestas datas, ademais, aumenta o tráfico debido a que son moitos os que elixen esta zona para ir ás praias; o que supón un agravante máis. É por este motivo, polo que pedimos a comparecencia do Sr. Catalá Polo”, afirma Herraiz.

O treito do sinistro, en O Fiouco, está a 700 metros, o punto de maior altitude da A-8, na provincia de Lugo. Ás condicións orográficas, hai que engadir que o vento do nordés, tan predominantes no verán, provoca nubes de estancamento e tamén densas néboas que contribúen a sucesos como o acontecido a pasada fin de semana, e que provocaron o accidente múltiple, no que faleceu unha xoven. Baixo estas condicións, a visibilidade que teñen os condutores redúcese drasticamente e a información que obteñen da vía e doutros vehículos para circular con seguridade é moi limitada, polo que “é fundamental adecuar a velocidade de circulación á distancia de seguridade con outros vehículos para evitar ditos sinistros”.

“A tenor do sucedido o pasado sábado parece convinte plantexarse a necesidade de reforzar este aspecto incrementando as medidas de seguridade, tal e como se fai noutros países da Unión Europea, chegando incluso a derivar a circulación a outras vías en caso necesario”, precisou a socialista, quen agarda que Fomento “non escatime en levar a cabo as actuacións oportunas e necesarias para que unha traxedia destas características se volva a producir e non teñamos que lamentar un mal maior”.

Exit mobile version