Site icon Crónica3.com A Mariña

Podemos?

CURRUNCHO DE ECONOMÍA. Achégase o Día da Matria Galega (desculpando a mesa, pero o da “Patria” méteme medo, coa cantidade de barbaridades que se fixeron con ese nome en España e polo mundo adiante). Penso que é bo momento para facermos unhas preguntas sobre o que PODEMOS facer as persoas que vivimos nesta minguante –demográfica e economicamente- nación galega.

PODEMOS permitirnos seguir cunha taxa de ocupación da poboación entre 16 e 64 anos do 57% mentres que a media da UE é do 64% (e baixando a porcentaxe galega todos os anos no último sexenio)? . Por que nos imos resignar a ter sen emprego a sete persoas máis de cada cen en idade de traballar que na Unión Europea?

PODEMOS seguir aturando reformas laborais que só recortan dereitos das persoas que traballan e facilitan máis e máis o despido, coa lóxica consecuencia de que suba máis e máis a taxa de desemprego, que xa supera o 22% da poboación activa galega, máis do dobre que na UE coa que queremos homologarnos.

PODEMOS pasar, por primeira vez desde que o INE elabora a Enquisa de Poboación Activa (1964) , das 200.000 persoas desempregadas que levan máis de dous anos nesa situación? Ben sabemos que aos dous anos remata o cobro da prestación por desemprego para os que cotizaron por un amplo período, e tamén que moitas persoas non cumprien os requisitos para cobrar o subsidio por desemprego(fill@s ao seu cargo, eta.) ou outras axudas públicas.

PODEMOS consentir que a poboación labrega volva a entrar, unha vez máis, na dinámica de traballar arreo nunhas explotacións gandeiras que se ven obrigadas, polo oligopolio de demanda desa materia prima, a vender o leite por baixo do prezo de custo da súa obtención?

PODEMOS ver e calar cando, no último ano de aplicación das cotas lácteas, as multas por exceso de produción volven castigar á nosa gandería bovina mentres que ningún dirixente político di canto se lle deberá pagar á nosa poboación labrega para compensar os fortes investimentos que fixeron mercando cota láctea, co obxectivo de agrandar o tamaño das explotacións gandeiras e ser máis competitivos no mercado.

PODEMOS pechar os ollos ao continuo proceso de desmantelamento industrial e de deslocalización, agora potenciado polo despedimento da poboación asalariada “en rebaixas” mentres a casta dirixente se enche a boca a falar de modernidade e progreso?

PODEMOS ignorar que PP e PSOE consolidaron o bonsai naval galego coas súas medidas de impedir a construción de buques civiles en Ferrolterra e co incumprimento da promesa electoral de poñer a andar o dique flotante?
PODEMOS esquecer que o goberno galego (Yes, we can) impugnou nada máis tomar posesión o proceso de adxudicación da construción de parques eólicos que fixo o goberno de coalición BNG-PSOE, impedindo así a creación de miles de postos de traballo que traia aparellados?

PODEMOS mirar para outro lado cando o goberno galego non recoñece os altos niveis de pobreza (tamén infantil, si,, pero non só…) e pon en cuestión datos aportados ao respecto polo INE, EUROSTAT, Caritas, UNICEF e moitos outros organismos e ONG´s , nada sospeitosos de querer trucar os datos?

PODEMOS ollar como os gobernos recortan o gasto público máis e máis nas cuestións socialmente prioritarias (ensino, sanidade, servizos sociais, I+D+i…) e ao mesmo tempo non querer apeitar coas súas consecuencias: miles de empregos perdidos neses sectores, menor calidade na prestación dos servizos públicos esenciais, eta.).

PODEMOS seguir a ver como toda unha xeración, moi cualificada academicamente, ten que ir buscar emprego lonxe da súa nación, mentres os gobernos galego e español non son quen de diminuír o gasto público onde realmente cómpre: supresión das Deputacións provinciais e do Senado, concentración de pequenos concellos, eliminación de privilexios da casta, poñamos por caso os deputados no Congreso: que teñan o mesmo trato que o resto da cidadanía (en cotizacións á Seguridade Social e na percepción de prestacións, que non cobren -entre outros varios membros do actual goberno que xa vimos con nome e apelidos na prensa- asignacións económicas para aloxamento…cando teñen piso/s en Madrid, eta).

PODEMOS aforrar na construción da infraestrutura ferroviaria que o exministro de Fomento Xosé Blanco inaugurou como “de alta velocidade en Galicia” cando isto pon en xogo a vida da cidadanía, que teñen menores medidas de seguridade que no resto das liñas nas que o AVE presta servizo?

PODEMOS seguir a manter unha corrupción que cheira que fede, enviando un presidente do goberno español SMSs de apoio (“aguanta, Luís”) a un correlixionario e compañeiro na alta dirección do PP?. E facéndose de ouro parte da casta política ou sindical que se di socialista á costa dos fondos públicos que se tiñan que destinar a formación de poboación desempregada de Andalucía?

PODER, PODEMOS, e mesmo penso que DEBEMOS seguir facéndonos preguntas e buscando solucións axeitadas para esta nación que tantas décadas estivo a velas vir, esperando que algún conseguidor á caza dun busto que o inmortalizase trouxese algún beneficio concreto e moi puntual a base de caciqueo e submisión persoal.

SE IMOS PODER, desde logo, ha ser desde o coñecemento da realidade economicosocial e cultural de Galicia e o traballo colectivo para darlle pulo ata que acade un posto privilexiado no concerto das nacións.
Penso que o deixou moi ben escrito Uxío Novoneyra, por si alguén o esquecía:

“Xamais virá de fóra
remedio nin espranza”.

Manuel Roca Cendán

Exit mobile version