
Os traballos de preparación da alfombra floral das festas do Carme de San Cibrao contan co traballo de entre 10 e 15 persoas que dende hai 20 días se reúnen na casa reitoral da Igrexa de Santa María de Lieiro. Os veciños e veciñas traballaron todos os días, sábados e domingos incluídos, das catro da tarde ás dúas da madrugada para preparar a tuya (un dos elementos principais da alfombra), que precisa unha grande dedicación. Da mesma maneira, este domingo 13 de xullo prepararán as flores e o sal. É unha tarefa que se fai con tan pouca antelación para que o día da alfombra estes elementos estean frescos. A preparación nas rúas comezará este martes ás 06.00 horas da mañá.