Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentadas 22 ofertas para as obras de acceso ó porto de Burela

Santiago, 19 de xullo de 2014.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de recibir un total de 22 ofertas para as obras de acceso ao porto lucense de Burela, un dos de maior volume de operacións dentro das infraestruturas portuarias adscritas á Comunidade Autónoma de Galicia.

A Axencia Galega de Infraestruturas licitou esta actuación por un importe de 7,6 millóns de euros e un prazo de execución de 24 meses. Agora a Consellería analizará cada unha das ofertas para adxudicar o contrato despois do verán e poder iniciar as obras este mesmo ano.

O actual acceso á zona portuaria realízase polo centro do núcleo urbano, coas molestias e perigosidade que supón tanto para os usuarios do porto como para a propia localidade de Burela. Debido ao incremento da actividade que experimenta o recinto portuario e ao aumento do tráfico que se produce co funcionamento da nova lonxa, considérase necesario construír un novo acceso que facilite a entrada e saída do porto, evitando o tráfico de mais de 400 vehículos pesados ao día polo núcleo urbano de Burela.

No ano 2007 adxudicouse a obra, pero o Tribunal Superior de Xustiza decidiu a súa paralización por estimar que o proxecto non era acorde co planeamento urbanístico vixente, circunstancia que motivou a interrupción dos traballos.

Características
A nova vía de 1,26 quilómetros, enlazará a avenida Arcadio Pardiñas coa Avenida da Marina na zona portuaria, á altura da nova lonxa. O ámbito obxecto do proxecto corresponde a uns terreos pouco accidentados, que están limitados ao leste por un acantilado duns 30 metros de altura e o suroeste pola liña de FEVE. O trazado cruza a liña de tren aproximadamente no pk 0+920 a través dun paso inferior e terá tres carrís de 3,5 metros cada un, así como beiravías de 1 metro a ambos os lados da calzada.

Para a execución da estrutura que permite o paso do acceso baixo a liña FEVE será necesario o traslado e posterior reposición a súa situación orixinal do treito de liña ferroviaria afectada. Así mesmo, é preciso un traslado definitivo dun treito de liña FEVE como consecuencia do tendido de noiros de desmonte inestables na primeira metade do novo trazado (afecta o treito de liña comprendido entre os pk 113/4 e 113/8 da liña ferroviaria).

Proxéctase, tamén, a sinalización horizontal, vertical, barreiras de seguridade e relocalización da barreira de protección de motociclistas. E iluminarase o trazado mediante unha luminaria composta por báculo dun único brazo. Ademais, proponse a colocación de luminarias no paseo peonil.

Exit mobile version