Site icon Crónica3.com A Mariña

Programación infantil, xuvenil e para adultos en diferentes puntos de San Cibrao durante as festas do Carme

festasA comisión das Festas do Carme de San Cibrao deu a coñecer o programa completo dos festexos patronais este mércores. Así, a programación inclúe actos dende o día 8 ao 20 de xullo pensados para todos os públicos: infantil, mozos e mozas e para os adultos.

O presidente, José Ramón Soto, a tesoureira, Pilar Armada, e a secretaria, Dolores García Caramés, aproveitaron tamén para presentar o cartel das festas. Unha celebración na que se ofrecerán actividades en diferentes puntos emblemáticos da localidade, como son a ría, o porto ou a praza dos Campos co obxectivo de “dinamizar San Ciprián ao completo, xerando actividade nas rúas e nos espazos públicos de forma que toda a vila se poida implicar e ao mesmo tempo apoiando á hostalería e á economía local en xeral”, asegura o presidente.

Da mesma maneira a comisión quere agradecer de antemán “a todos os veciños a súa implicación coas festas, xa que todos os anos colaboran activamente e aportan o seu gran de area para facelas posibles”, asegura Soto, que tamén dá as grazas en nome da comisión a todos os comercios, empresas e hostaleiros que fixeron as súas contribucións, así como ao Concello de Cervo, que tamén colabora.

En canto ao programa, destacan algunhas novidades, como o Día do Deporte, para o público infantil, que terá lugar na praza dos Campos e nun treito da avenida da Mariña (11 de xullo de 11 a 20 h.) e no que poderán practicar diferentes disciplinas; a I Regata de bateis (16 de xullo) ou as festas gastronómicas e de degustación no porto, como o Día da Empanada (14 xullo) ou do Peixe Espada (16 de xullo). Do mesmo xeito, tamén se manteñen outras actividades iniciadas o ano pasado, como o Mercado Pirata (18, 19 e 20).

Público infantil
Ademais das actividades para nenos e nenas mencionadas, tamén haberá teatro infantil (8 de xullo) coa actuación do grupo “Mamá Cabra, Patatín Patatán”, ou o Día Infantil (17 de xullo) que incluirá xogos, colchonetas e atraccións náuticas na praza dos Campos.

Música
As actuacións musicais e as orquestras teñen un forte peso no programa. A primeira será na Igrexa Parroquial de Lieiro (12 de xullo), co Coro do Centro Social de Persoas Maiores de Santa Cristina de Lena e a Coral do CIT (San Ciprián). Ademais celebrarase o I Encontro de Corais co Coro de la Villa de Navia e Escolma de Meus (13 de xullo). Outras actuacións serán a do Grupo de Improvisación do Conservatorio de Viveiro e a Coral Terramar (20 de xullo).

Destacan tamén o concerto de Malvela (12 de xullo), o do grupo folk Cempés (19 de xullo) ou os Cantos de Bares (14 de xullo). Sen esquecer as múltiples sesións vermú e verbenas coas orquestras Olimpus, Aramio, Abanico, o grupo Brétema e a discoteca móbil Decibelios.

Actividades tradicionais
Dentro das actividades habituais inclúense o pregón, que nesta ocasión será a cargo do avogado Antón Mosquera, fillo do Aventado Pablo Mosquera, que terá lugar o 12 de xullo. Tamén a confección da alfombra floral na honra da Virxe do Carme na praza do Lugar e nas rúas próximas (15 xullo) e, o mesmo día, pasarrúas da Banda Naval de Cornetas e Tambores do Club Náutico de Viveiro, a misa solemne cantada pola Coral Terramar e a procesión. De novo o 16 de xullo haberá pasarrúas coa Banda Naval de Viveiro, misa solemne cantada pola coral Terramar, ofrenda floral na honra dos mariñeiros falecidos a cargo de María del Mar Otero e de novo procesión.

Teatro
O teatro abrirá as festas do Carme. Para o público adulto ofreceranse tres obras da man de tres grupos diferentes: Ardora de San Ciprián (9 xullo), O Bordelo de Cervo (10 de xullo) e A Rabela de Baralla (11 de xullo).

A comisión anuncia que a partir da semana que vén estará dispoñible na Casa da Cultura o libro das festas.

Exit mobile version