Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo continuará esta fin de semana celebrando o seu tradicional Mercado dos Domingos

Ribadeo, 4 de xullo de 2014. Este domingo día seis, volverá celebrarse o tradicional Mercado dos Domingos. A cita está organizada polo Concello e pola asociación de produtores da horta A Sucadoira, e nela poñeranse á venda produtos naturais da zona que non pasarán por ningún proceso de refrixeración, nin intermediación. En total, doce serán os postos nos que veciños e visitantes poderán adquirir hortalizas, queixos ou conservas.

Ana Díaz, presidenta da asociación A Sucadoira, destacou que “neste mercado poderanse atopar produtos de aquí, que non veñen de cámaras e son recollidos de maneira natural, como leitugas, fresas ou pementos. Todos eles procederán do entorno de Ribadeo, Castropol, etc.”

Para Díaz, este mercado propio do verán ofrece unha oportunidade para “os xóvenes que se poden incorporar ao campo e poden vender o produto directamente, obtendo un pouco máis de beneficio que se utilizasen intermediarios”.

A presidenta de A Sucadoira aproveitou para destacar a boa acollida que este mercado ten entre os turistas, “ sobre todo entre os madrileños e os cataláns que queren comprar produtos naturais cultivados en Ribadeo, e non laranxas ou outros produtos de fóra. Sen embargo, hai cousas que nesta época hai e outras que é máis difícil producir como a froita”. Precisamente neste aspecto, Ana Díaz fai un chamamento aos produtores locais para que “reincorporen xente no cultivo de árbores frutais en grandes extensións”.

O Mercado dos Domingos seguirá celebrándose ata finais de setembro, en horario de mañá, nas inmediacións da praza de abastos ribadense.

Exit mobile version