A feira abrirá xa o xoves pola mañá, pero será ás 20 horas cando teña lugar o acto inaugural coa lectura do pregón a cargo de Dores Fernández, presidenta da agrupación cultural Francisco Lanza.
A concelleira de Cultura ribadense, Mari Luz Álvarez Lastra, destacou a importancia de “recuperar a feira nuns momentos tan difíciles para as publicacións, a literatura e a cultura en xeral”. A concelleira recordou que “para o Concello supuxo un orgullo que a Agrupación Cultural Francisco Lanza se puxese en contacto con nós para recuperar esta feira, xa que esta asociación foi a que hai máis de 20 anos tivo a idea orixinal de poñela en marcha. Dende o Concello, como non podía ser doutra forma, decidimos participar e coorganizar o evento, xa que as cousas só poden saír adiante cando existe unha boa coordinación como sucedeu neste caso”.
Mari Luz Álvarez comentou tamén que “dende os seus inicios a Feira do Libro de Ribadeo foi punteira, xa que cando en moi poucos sitios de Galicia se facían este tipo de eventos, no noso concello xa contábamos con elas”. Un feito que a concelleira relacionou coa ampla oferta cultural que sempre tivo Ribadeo e que dende o concello esperan que se mostre nesta feira. “Queremos que sexa algo que se viva dende o propio pobo e por iso quixemos implicar á Escola de Música, entre outros colectivos”, afirmou Lastra. Para a concelleira o obxectivo principal da feira pasa por “dinamizar e motivar á xente para que lea, sobre todo aos máis pequenos. Para eles instalaremos unha carpa reconvertida en biblioteca infantil e levaremos a cabo varias presentacións de libros musicais. Ademais traeremos a Os Bolechas, un grupo de animación educativa infantil coñecido en tódolos centros escolares”.
Ademais da programación para os máis pequenos, a feira contará con descontos do dez por cento en tódalas vendas e promoverá a actividade dos escritores locais como Luz Pozo Garza, Farruco Graña ou Quique Díaz.
A presidenta da agrupación cultural Francisco Lanza, Dores Fernández Abel, aproveitou o acto de presentación da Feira do Libro para explicar que “aínda que é un orgullo volver poñer en marcha en Ribadeo unha feira do libro, despois de tantos anos, temos que destacar que non se trata da mesma feira que se celebraba antigamente, xa que antes organizábamos a Feira do Libro Galego, que tivemos que deixar de facer por cambios na lexislación. A pesar de todo é unha satisfacción moi grande recuperar este evento porque é unha forma de promover o libro galego aquí”. Para Dores Fernández a feira servirá para “sacar do baúl todo o fondo bibliográfico da agrupación, xa que non contamos cun local e cada un ten as cousas nas súas casas. Sacaremos por exemplo o telón da primeira representación en Ribadeo da obra Os vellos non deben namorarse, que se conserva perfectamente e é unha fermosura”. O grupo teatral da agrupación Francisco Lanza será o encargado de poñer o punto final á feira coa representación dunha obra de teatro do escritor ribadense xa falecido, Daniel Cortezón.
O vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, Antón Pedreira, quixo destacar “a implicación de tres librarías ribadenses que participan activamente nesta feira e contan con casetas propias como son Vivín, Gráficas Santiago e Pícaros Mundi”. Pedreira destacou o bo traballo conxunto do Concello e a agrupación Francisco Lanza para “poder traer a Federación a esta I Feira do Libro de Ribadeo do século XXI”.