Site icon Crónica3.com A Mariña

Rinlo ultima os preparativos da XI Festa do Percebe que se celebrará o vindeiro sábado 2 de agosto

Ribadeo, 29 de xullo de 2014. O vindeiro sábado, 2 de agosto, celebrarase a XI Festa do Percebe de Rinlo, que foi presentada este martes.

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “un ano máis, coma nestas últimas edicións, non podemos faltar a esta ineludible cita que é a Festa do Percebe de Rinlo. Esta festa que se creou hai uns anos e que está plenamente consolidada, é un referente estival, tanto para a parroquia de Rinlo, coma para Ribadeo en xeral”.

O rexedor declarou que “aquí é onde poñemos en valor este produto de primeira calidade que se extrae dos penedos da costa de Ribadeo e sobre todo no ámbito de Rinlo. Coma cada ano, organizamos este evento entre a Confraría de Pescadores de Ribadeo, a Agrupación de Percebeiras, o Concello e a Deputación Provincial de Lugo. Queremos agradecerlle á Deputación o seu apoio económico e todo o que está a facer por nós en materia de turismo, nesta e noutras moitas cuestións, poñendo en valor o noso litoral, a nosa paisaxe, a nosa costa e facendo de Rinlo e de Ribadeo un lugar onde hai unha cita ineludible e onde cada ano ven máis xente visitarnos”.

Suárez Barcia no nome das percebeiras, e no nome de toda a Corporación Municipal de Ribadeo convida “a todas as persoas de Ribadeo e dos concellos veciños, e tamén a toda esa xente que nos visita nestes días de lecer. Que non deixen de ir coma sempre á Festa do percebe de Rinlo, que será unha festa sen dúbida chea de xente, chea de centos de quilos de percebes e chea de alegría para Rinlo e para Ribadeo”.

Exit mobile version