Site icon Crónica3.com A Mariña

Tres concertos gratuítos completan o programa do Ribadeo Jazz & Blues

A terceira edición do Festival Jazz & Blues de Ribadeo programará tres actuacións gratuítas como antesala á ducia de concertos que terán lugar no recinto do festival entre o 24 e o 27 de xullo. A Mr. Dixie Jazz Band da Coruña realizará un pasarrúas e actuará no auditorio o día da inauguración, o próximo 18 de xullo, ás 20 horas.

Ademais, o Cantón dos Morenos acollerá dous concertos máis de acceso libre. O domingo 20 de xullo, ás 23 horas, actuará Maldataskull Trio. O martes 22, á mesma hora e no mesmo escenario, terá lugar o concerto de Manuela Ravaglioli e José Ramón Feito Trio.

A Mr. Dixie Jazz Band da Coruña fórmana Guillermo Lancelotti, Victor Sánchez Milla, Nandor Kasza, Juan Cabezón García, Fernando Lamas, Óscar Prieto, Agustin Rial e Manu Gómez. A banda de dixieland paticipó nos últimos anos en varios festivais en Nova Orleans, Italia e Portugal.

A vocalista e compositora italiana Manuela Ravaglioli, cun repertorio que inclúe gospel, fado, bossanova, boleros, son cubano, e tango, acompaña ao JRF Trio, a formación liderada polo pianista xixonense José Ramón Feito, músico autodidacta e un dos pioneros do jazz en Asturias.

Maldataskull é un trío de mozos instrumentistas nacidos en Madrid que se atopan en Euskadi grazas á súa paixón pola música. En menos de dous anos xa participaron no Festival Heineken Jazzaldia de San Sebastián e no Festival Internacional de Jazz de Bueño. O grupo gañou a última edición do concurso de maquetas jazz fusión, un premio que tamén recibiu o Alfredo García Quartet, un dos grupos que actuará no recinto do festival entre o 24 e o 27 de xullo.

Estas tres actuacións completan o programa do Festival Ribadeo Jazz and Blues 2014, que comezará o próximo 18 de xullo e terá o seu prato forte do 24 ao 27 cos concertos de artistas como Joanne Shaw Taylor, Nicholas Payton, Eric Sardinas e Hiromi Trio Project.

Exit mobile version