Site icon Crónica3.com A Mariña

Un filme sobre a catástrofe do Prestige, de xira pola Mariña da man da Vicepresidencia da Deputación

presentacion-encallaosLugo, 21 de xullo de 2014. O responsable da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou, este luns, os actos organizados pola Deputación lucense para celebrar esta semana o Día da Patria Galega. Entre os actos programados está a estrea este martes en Lugo da película Encallados, unha conferencia sobre O dereito a decidir e o Galeuzca, a cargo do historiador e profesor xubilado da Universidade de Deusto Xosé Estévez, que terá lugar o mércores no Refrectorio do Museo Provincial, e unha lectura pública o xoves pola mañá tamén diante do Museo do Sempre en Galiza de Castelao, coincidindo do 70 aniversario da súa poblicación.

Mario Outeiro presentou esta mañá este programa de actos acompañado por Alfonso Zarauza, director de Encallados, e María Yáñez, membro no equipo técnico do filme, que se estreará mañá martes día 22 en Lugo, proxectándose no salón de actos do Pazo de San Marcos, para logo facer unha xira polas vilas de Viveiro (30 de xullo no Conservatorio ás 20:00 horas), Mondoñedo (13 de agosto na Sala de Actos do Centro Comarcal ás 20:30 horas), Monforte de Lemos (19 de agosto na Casa da Cultura ás 20:00 horas) e Ribadeo (26 de agosto no Teatro ás 20:30 horas).

Encallados, que recibiu tres premios Mestre Mateo á mellor película para TV, á mellor dirección de fotografía e á mellor montaxe, é unha comedia rodada en Santiago de Compostela, en branco e negro, en 16 mm. Unha mirada ao noso cine e ao contexto no que vivimos chea de honestidade, autocrítica, melancolía e humor, coa catástrofe do Prestige de fondo. Unha película que nace a partir do fracaso de intentar facer outra, cando a Zarauza lle encargaran a realización dunha película sobe o Prestige, imposible de levar a cabo tendo en conta as condicións económicas e de traballo impostas. Profesionais do cinema lucenses como Luís Tosar, forman parte deste proxecto cinematográfico.

Neste sentido, a película narra os escasos seis días nos que o director, ao que lle dá vida Xulio Abonjo, se enfronta xunto con dous dos membros de Zopilote, os guionistas Xosé Castro “Pato” e Andy Mahía (interpretados por Ricardo de Barreiro e Federico López), a difícil tarefa de contar unha historia que lles toca tan preto sen caer en tópicos ou relatos prefabricados.

Distribución
A película estreouse a principios do mes de xuño a nivel galego, buscando unha distribución alternativa, “porta a porta”, con proxeccións en teatros, auditorios, centros sociais ou cinemas ao aire libre. E nesa distribución chega mañá a súa proxección á cidade de Lugo.

Durante a súa intervención, o responsable de Cultura da Deputación agradeceu a todo o equipo da película “por facernos máis coñecedores dun dos peores episodios da historia galega recente; un fito que fixo que a sociedade galega se erguera xerándose un dos movementos sociais e culturais máis importantes do país durante os últimos cen anos”.

Asemade, Mario Outeiro lembrou “o compromiso da área de Cultura da Deputación con esta causa, traendo, por exemplo, a Lugo e ás súas comarcas a mostra ‘Nunca Máis. A rebelión dun pobo’, que reflicte ese rexurdir da sociedade galega”; sen esquecerse “do noso apoio ao cinema feito na Galiza e en galego. Proba diso son as nosas colaboracións con festivais de cine de carácter local, a creación do espazo web cinemalugo.tv, ou o compromiso directo con filmes rodados en Lugo como a película Vilamor, ou A Esmorga, esta última rodada a principios deste ano no Pazo de Tor e nas súas inmediacións”.

Ficha técnica e artística
Dirección: Alfonso Zarauza.
Actores: Xúlio Abonjo, Federico Pérez, Ricardo de Barreiro, Farruco Castromán. Coa colaboración especial de Luís Tosar.
Produción executiva Luis Tosar, Farruco Castromán, Pizca Gutiérrez
Guión Alfonso Zarauza, Xosé Castro “Pato”, Andy Mahía
Dirección de fotografía Alberto Díaz Bertitxi (A.E.C.)
Dirección de arte Jaione Camborda Coll.
Son: Xavi Souto.
Axudante de dirección e xefe de produción: Pablo Atienza.
Montaxe: Adrián Pino.
Música: Robi C. Goday, Raquel Vilas Zarauza.
Unha película de ZircoZine distribuída por MrMisto.
Distribución: Xoán Mariño.
Comunicación: María Yáñez.
Deseño gráfico: Pablo Dávila.

Axenda actos Día da Patria
Martes, 22 de xullo (20.00 horas): estrea en Lugo do filme “Encallados”, de Alfonso Zarauza (Salón de Actos da Deputación)

Mércores 23 de xullo (20.30 horas): conferencia “O dereito a decidir e o GALEUZCA” con Xosé Estévez, historiador e Profesor xubilado da Universidade de Deusto (Refectorio do Museo de Lugo).

Xoves, 24 de xullo (12.00 horas): lectura pública do “Sempre en Galiza” de Castelao, no 70 aniversario da súa publicación (Museo de Lugo).

Exit mobile version