Site icon Crónica3.com A Mariña

Morre unha traballadora do 061 de Foz nun accidente múltiple na A8 entre Mondoñedo e Abadín que deixou 50 persoas feridas

accidente-abadinA espesa néboa que se rexistraba na mañá deste sábado 26 de xullo no último tramo aberto da autovía A8 entre os municipios de Mondoñedo e Abadín puido ser a causa, segundo os primeiros indicios, dos tres accidentes múltiples á altura dos quilómetros 548,2 e 549 -dirección Vilalba- e á altura de Lindín -dirección á costa-.

Medio centenar de vehículos, entre eles varios camións, víronse implicados nestas colisións en cadea nos que unha muller perdeu a vida e máis de 30 resultaron feridas de diversa consideración. A muller falecida resultou ser unha traballadora do 061 de Foz natural de Barbadás (Ourense) que foi unha das primeiras en colisionar e se dispoñía a axudar a outras persoas atrapadas cando un dos vehículos a atropelou.

Os efectivos sanitarios -entre eles 24 ambulancias- tiveron problemas en achegarse aos puntos do accidente debido ao embotellamento dos vehículos colisionados. Nas labores de excarcelación traballan os bombeiros de Vilalba, Lugo, Eume e Barreiros; mentres que tamén colabora persoal sanitario do PAC de Vilalba, Guitiriz, Foz e Mondoñedo e do GES de Cervo, na atención aos feridos. Así mesmo dous helicópteros do 112 desprazáronse á zona e asentáronse na saída da Xesta debido á imposibilidade de facer unha manobra de aterraxe con medidas de seguridade no lugar do sinistro.

Dezoito feridos foeron trasladados ó Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e dezaseis foron derivados ó Hospital da Costa, en Burela.

Tráfico mantén a primeira hora da tarde cortada a autovía nos dous sentidos e desviada a circulación pola estrada nacional N-634. A Garda Civil procura os donos dos vehículos para proceder á súa retirada.

Exit mobile version